O ex conselleiro de Gobernación, Joan Carretero, foi suspendido de militancia por un seu artigo no que chamaba a crear unha candidatura "transversal" do independentismo.
Esta segunda feira Joan Carretero, un dos líderes do sector crítico do partido, fixo público o seu abandono de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Pouco durou a "paz interna" da que Joan Puigcercós falara, tras desactivar a ameaza dunhas primarias, após a renuncia de Josep Lluís Carod-Rovira a liderar a vindeira candidatura independentista á presidencia da Generalitat. Naquela altura, despois do pacto dos sectores oficialistas, xa ameazara Carretero coa creación dun novo partido. Coa súa saída de ERC, os ruxerruxes sobre esta posibilidade multiplicáronse.
No artigo da polémica -titulado Patriotismo e dignidad, publicado hai dez días no xornal Avui-, Carretero defendía unha candidatura de amplo espectro que propuxese a proclamación unilateral da independencia para Cataluña, mais non mencionaba se esta debía crearse á marxe de Esquerra ou non. Porén, este feito interpretouse, dende a contorna de ERC, como a confirmación da súa vontade de formar ese novo partido, o que provocou a súa suspensión de militancia. O propio Carretero aínda non confirmou nin desmentiu esta posibilidade.
Faise necesario precisar que a expresión que emprega Carretero no seu artigo, "candidatura transversal", é moi semellante á que o secretario xeral de ERC, Joan Puigcercós, usou a miúdo nestes últimos meses, á hora de propoñer unha candidatura conxunta de CIU e ERC ás eleccións europeas.
Carretero representa a sección máis comprometida co independentismo de Esquerra (Reagrupament.cat), e tamén a máis crítica co segundo tripartito, despois de ter feito parte do primeiro goberno de coalición, presidido por Maragall. No congreso de ERC, que se desenvolveu o pasado mes de xuño, Joan Carretero obtivo o 27% dos votos para presidir o partido, fronte ao 37% de Puigcercós. Outros candidatos foron Ernest Benach (26%) e Jaume Renyer (8%).
A saída de Carretero provoca un monte de reaccións
O anuncio de que Carretero abandona Esquerra provocou un alude de reaccións, chegadas dun e doutro lado. Mentres da dirección de ERC sinalaron que a súa saída "favorece a orde interna da organización" e a "seriedade no partido" -declaracións do secretario xeral, Joan Ridao-; Reagrupament.cat descartou un abandono en masa do partido; e Jaume Renyer -quen fora candidato á presidencia de ERC por Esquerra Independentista-, anunciou, no seu blog, que se unía a Carretero, lembrando que hai seis meses que non ten relación co seu antigo partido.
En poucas horas, ademais, apareceu un grupo de apoio a Joan Carretero no Facebook, que a primeira hora desta terza feira contaba con medio milleiro de adhesións.
Máis nos xornais cataláns: