O secretario xeral do PPdeG considera que o discurso de Manuel Vázquez "é incompatíbel coa defensa dun modelo que segue baseado en apoiarse no BNG para apartar o PP do poder".
"Perderon o tren da renovación, o mesmo que o PP si soubo coller e levou os populares á vitoria o 1 de marzo", analizou este domingo Afonso Rueda, secretario xeral do PPdeG, ao respecto do congreso extraordinario celebrado durante a fin de semana polo PSdeG-PSOE. Na opinión de Rueda, os socialistas "non souberon ver que a sociedade galega estáballes reclamando unha ampla renovación de persoas ideas". "Apostaron por pechar a ferida en falso cun líder que representa máis do mesmo", advertiulles.
Ao respecto da chamada de Manuel Vázquez aos seus a conseguiren a maioría abondo para gobernar en solitario, avaliou o secretario xeral do PPdeG que o socialista comeza "tirándose farois" e facendo promesas que non vai cumprir. Nese sentido, Rueda solicitoulle ao novo secretario xeral do PsdeG que materialice ese compromiso "pola vía dos feitos" e instouno a rachar todas as coalicións formadas polo PsdeG co BNG "especialmente nos que conformaron un equipo de goberno pensado só en apartar do poder á forza máis votada".