O voceiro parlamentario do PPdeG atribúelle as queixas polo incumprimento da lei de igualdade ao "desconcerto" da oposición.
Manuel Ruíz Rivas, voceiro do grupo parlamentario do PPdeG
"O directorio publicado na web da Xunta cando se produciu o cambio de Goberno é revelador: só o 38% dos altos cargos eran mulleres", resumiu este xoves Manuel Ruíz Rivas, voceiro parlamentario do PPdeG, criticando os nomeamentos realizados hai catro anos polo bipartito.
Respondía así Ruíz Rivas ás críticas da oposición, opinando que socialistas e nacionalistas seguen "desconcertados" polo resultado electoral. Segundo a reflexión de Rivas, socialistas e nacionalistas están baseando a súa estratexia de oposición en "paridas sobre paridade" e outras "cuestións irrelevantes". Insistiu o voceiro do PP en que os grupos da oposición deberan estar "valorando e analizando as ofertas de diálogo" do presidente da Xunta no canto de centrarse en "cuestións menores".
De paso, Rivas ironizou sobre a petición de PSdeG e BNG de máis presenza feminina no Goberno, sinalando que "nin socialistas nin nacionalistas propuxeron muller algunha para os postos que lles corresponden na Mesa do Parlamento de Galicia, nin para as súas respectivas portavocías parlamentarias".
"Vulneran a lei", insiste a oposición
Desde o grupo parlamentario do PsdeG subliñaban unha vez máis este xoves que na conformación do Goberno, o novo presidente da Xunta "vulnera a lei", e por tal motivo presentarán unha pregunta en pleno para que se achegue o expediente do decreto de nomeamento e se informe así sobre a base xurídica na que se baseou para asinalo.
Recordan os socialistas que a Lei da Xunta e do seu Presidente modificada precisamente pola Lei do Traballo en Igualdade para estabelecer que os membros da Xunta de Galicia teñan unha representación dun mínimo do 40% do xénero menos representado.