A confirmación da renuncia do deputado Ignasi Guardans ao escano que ocupaba por Galeuscat, leva o galego de volta á Cámara.
Camilo Nogueira
A aceptación por parte de Ignasi Guardans da dirección do Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais, dependente do Ministerio de Cultura, terá consecuencias prácticas nos asentos que a coalición Galeuscat ten no Parlamento Europeo. Así, a renuncia ao seu escano do deputado catalán, fará correr a lista e permitirá a entrada á Eurocámara do galego Camilo Nogueira, que xa estivera na Cámara na primeira semana de lexislatura.
Deste xeito, quen fora xa eurodeputado entre 1999 e 2004 levando a representación de Galiza ás institucións europeas, accederá deste xeito outra vez ao Europarlamento, malia que sexa apenas durante un par de meses. Recordámoslles que cara aos comicios europeos do mes de xuño, o BNG opta desta volta a escano dentro da coalición Europa dos Pobos, á beira de ERC, Aralar ou EA, entre outros, nunha lista onde a representación galega corresponderalle a Ana Miranda. A avogada viguesa é na actualidade a voceira do Bloque perante o Parlamento Europeo e tamén vicepresidenta do Partido dos Pobos de Europa-Alianza Libre Europea e fora de feito entre os anos 1999 e 2004 a responsábel técnica e asistente parlamentar de Camilo Nogueira na Eurocámara.