En Compostela, Socialistas por Galicia pide máis "visibilidade social" do partido. En Vigo, o grupo de Gonzalo Caballero quéixase dos obstáculos do "aparato".
Manuel Vázquez, principal aspirante a ocupar o posto que deixou libre Pérez Touriño na secretaria xeral do PSdeG-PSOE
Fomentar a participación é a primeira das prioridades que salientan desde a corrente Socialistas por Galicia, integrada no PSdeG, colectivo que, con Xosé Antón López á cabeza, xa acadara hai meses até un 25% de votos nas eleccións da executiva local compostelá e que recentemente conseguiu un 35% dos votos para os delegados ao congreso extraordinario que o PSdeG-PSOE celebrará este 25 de abril.
Opinan ao respecto que que o partido debe apostar por "xerar debate" e facilitar a confrontación de ideas para favorecer a aparición de "proxectos e persoas capaces de defendelos". "A militancia debe recuperar o partido", engaden nese mesmo sentido en segundo lugar. Nun terceiro eixo, afirman: "A ideoloxía é parte fundamental do noso ser, se a esquecemos deixamos de ser nós mesmos". Un cuarto punto que subliñan: "A presenza e visibilidade social" do partido como alicerce básico "na sociedade na que vivimos".
Propostas prácticas, incluída a renovación de cadros
Socialistas por Galicia explica ao fío o xeito en que consideran que deben materializarse esas catro ideas e propoñen por exemplo que os grupos socialistas nos municipios, deputacións ou Parlamento traballen en coordinación coas executivas a prol de outorgarlle "protagonismo social" ao partido. Para facilitar a participación reclaman unha plataforma web que inclúa unha intranet coa que estabelecer "canles rápidas de comunicación" entre a militancia.
Como xeito de favorecer o debate, recomendan que se garanta un mínimo do 20% dos asentos nas executivas para as listas menos votadas. Tamén propoñen crear unha escola de formación, e suxiren que funcione ademais como canle de comunicación entre agrupacións locais. Por último, destacan ademais a necesidade da "renovación de cadros", reclamando por exemplo o cambio dun mínimo do 25% dos postos de saída nas listas institucionais. "Con esta medida estase a garantir o recambio de persoas, evitamos o continuísmo nos cargos públicos e fomentamos a entrada de novos pulos e ideas", reflexionan.
Caballero láiase da "presión" do aparato
Por outro lado, continúa desde Vigo a mobilización da corrente artellada arredor de Gonzalo Caballero. "A xente ápoianos cos seus votos, porque son secretos, pero avalar con nome e apelidos é máis difícil, porque a presión do aparato é moi dura", expresaba este luns o ex concelleiro vigués, líder do sector crítico da agrupación olívica do PSdeG. A esta situación atribúelle Caballero a dificultade para conseguir avais que garantan a súa candidatura no congreso extraordinario desta semana.
Así e todo Caballero sinala que conta xa con 50 avais e avanza que traballará toda a semana nas catro provincias na procura do mínimo de 100 avais que lle cómpren para presentarse. "Se temos apoios haberá outra candidatura, pero se non, que ninguén diga logo que votou o único que se podía votar", advirte.