O combinado nacional palestino xogará en maio o primeiro partido da súa historia en territorio europeo, fronte a un equipo da segunda división belga.
Selección palestina de fútbol
A selección nacional palestina de fútbol xogará o vindeiro día 6 de maio o primeiro partido da súa historia en territorio europeo. O rival será o FC Bruxelas, da segunda división belga, e o enfrontamento terá lugar no estadio de Edmond Machtens, na cidade de Molenbeek. O encontro celebrarase dentro das celebracións coas que se conmemora o 60º aniversario da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA).
A federación palestina de fútbol foi creada no 1928, pero non entraría a formar parte da FIFA até 1998. O equipo é dirixido por Abdel Nasser Barakat e na actualidade ocupa o lugar 171 da clasificación FIFA e o 35 da listaxe elaborada pola confederación asiática.
Historia da UNRWA
A UNRWA é único dentro da organización da ONU, xa que se concibiu como unha organización temporal pero foi adaptando os seus programas ás cambiantes necesidades da poboación refuxiada palestina. A creación da UNRWA determinouse a finais de 1949, malia que non entrou en funcionamento até o ano seguinte.
Dende entón alimentou, albergou e vestiu a decenas de miles de refuxiados que fuxían. Tamén puxo en funcionamento programas educativos e de atención sanitaria específicos para centos de miles de mozos refuxiados en territorio ocupado por Israel.
Hoxe a UNRWA ofrece servícios educativos, sanitarios e sociais a máis de catro millóns de palestinos, rexistrados como refuxiados en Oriente Medio.