A selección de fútbol palestina, dez anos despois de entrar na FIFA, xogou este domingo por primeira vez na casa.
A selección de fútbol masculina de Palestina empatou este domingo con Xordania, 1-1. Mais alá do resultado deportivo, a disputa do partido é unha vitoria en si, xa que se trata do primeiro encontro que o combinado nacional xoga na casa.
Palestina pertence á FIFA dende hai dez anos, mais até o de agora tivo que xogar como local en campos de fútbol xordanos, exipcios ou qatarís, entre outras cousas pola falta de infraestruturas propias.
O amigábel desenvolveuse nun novo estadio construído grazas ao financiamento da FIFA en Al-Ram, Cisxordania. Ademais das seis mil persoas que o presenciaron en vivo, millóns de palestinos residentes en Gaza e en Cisxordania seguírono en directo pola televisión.
O líder de Hamás, Ismael Haniya, chamou o presidente da Asociación Palestina de Fútbol, Yebril Rayub, para desexarlle sorte antes do comezo do partido. No pasado este funcionario estaba á fronte do Servizo de seguridade preventiva que dirixiu a campaña de arrestos entre activistas da formación islámica.
A selección palestina inclúe seis xogadores de Gaza, incluído o capitán, aínda que este último foi o único a quen o Estado de Israel lle denegou o permiso para entrar en Al-Ram. Por Xordania tamén xogan varios futbolistas de orixe palestina.
Festival Amal
Precisamente, dentro do Festival Amal que estes días ten lugar en Compostela, proxéctase esta cuarta feira Tiro Libre, de Marcelo Piña. O chileno seguiu durante un ano por todo o mundo a selección palestina.