O novo conselleiro de Cultura e Turismo destacou a cita xacobea e tamén a importancia da "proxección exterior" da cultura galega.
"O que está ben feito continuará como está", afirmou o novo responsábel da Consellaría de Cultura, Roberto Varela Fariña, quen dixo que non é a súa intención "varrer con todo". Varela Fariña, que prometeu entregarse "en corpo e alma" a un labor que "contribúe á autoestima de Galiza", foi recibido este luns pola conselleira saínte, Ánxela Bugallo.
En declaracións aos medios, o novo conselleiro falou da importancia da Cultura en tempo de crise como factor de aproveitamento "económico" e a prol da "autoestima" dos cidadáns. Tamén se referiu ao Xacobeo 2010 como un dos retos fundamentais, afirmando sentirse "fascinado" por unha cita que prognosticou "histórica".