Manexando un elevado volume investidor e chamados a ter un rol especialmente protagonista no actual contexto de crise.
Agustín Hernández era desde hai semanas un dos prognósticos máis claros ao respecto do equipo que estaba deseñando Alberto Núñez Feijoo para a Xunta. A súa entrada nas listas do PP por Pontevedra, logo de colaborar desde a sombra da Deputación como ariete fronte ao labor da conselleira anterior, María Xosé Caride, e o seu pasado en primeira fila no departamento de Política Territorial dos anteriores executivos do PPdeG colocábano en primeira fila para o cargo.
Con todo, o prestixio profesional que este enxeñeiro de camiños acumula no sector, viuse escurecido nos últimos tempos. "Primeiro asinou contratos millonarios para unha empresa cando traballaba na Consellaría de Política Territorial, despois foise traballar para ela e presentou un informe falto de rigor", xulgaba hai poucos días Caride, á luz das novidades na prensa sobre a actuación de Hernández. A Agustín Hernández tócalle agora pilotar unha macro-consellaría que reúne competencias repartidas no anterior executivo en até tres consellarías, xuntando obras públicas, vivenda e medio ambiente. A inclusión de medio ambiente no paquete é xustamente un dos factores chamados a xerar máis polémica, xa que reúne a decisión sobre unha obra e a súa declaración de impacto baixo o mesmo dedo.
Xavier Guerra, na actualidade propietario e administrador único da empresa téxtil El Secreto del Mar SL, logo dunha ampla traxectoria por outros grupos empresariais, foi anteriormente concelleiro de Economía, Facenda, Persoal, Patrimonio e Contratación no Concello de Vigo e era até o de agora deputado no Congreso pola circunscrición de Pontevedra. A el tocaralle a xestión doutra importante macroconsellaría no contexto actual de crise económica, a de Economía e Industria. Deste xeito, a nova Xunta une a Industria todo un abano de recursos que no anterior treito de goberno quedaran baixo o paraugas do conselleiro de Economía, en particular o Igape, chamado a ser reformado, segundo subliñou durante o seu discurso de investidura o novo presidente da Xunta.