Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novo Goberno

Criterio de "experiencia" en xestión pública, sen cota territorial e só dous independentes

Os responsábeis de Cultura e Facenda son os únicos integrantes do novo Executivo sen carné do Partido Popular.

Redacción - 08:00 20/04/2009

Debuxábase desde hai semanas a posibilidade de que na procura dos profesionais destinados a pilotar as consellarías do novo Goberno unha maioría de nomes abrollasen desde fóra das filas do propio PP. Así o tiña insinuado o propio Alberto Núñez Feijoo en varias ocasións. Así e todo, na lista achegada este domingo por Núñez Feijoo só aparecen finalmente dúas persoas sen militancia actual no partido.

O primeiro deles é o titular de Cultura, o diplomático Roberto Varela, quen deixa o consulado de Nova York para xestionar a política cultural durante os próximos catro anos. Con todo, Varela xa tivera responsabilidades de xestión política en 2001, daquela nomeado subdirector xeral de Cooperación e Promoción Cultural Exterior, na Dirección Xeral de Relacións Culturais e Científicas do goberno do PP.

A segunda persoa que chega sen carné é Marta Fernández Currás, que pilotará a Consellaría de Facenda. A separación do departamento de Facenda do de Economía, que xestionará con Industria o vigués Xavier Guerra, é unha das novidades que sorprenden no novo organigrama. Fernández Currás é Inspectora de Facenda do Estado e Interventora do Estado, e profesora asociada de Facenda Pública e Sistemas Fiscais na Universidade de Santiago. Foi interventora xeral no treito inicial do goberno bipartito, cesando do cargo, presuntamente, por diferencias de criterio co executivo anterior.

Sen cotas territoriais
Do peso no interior do partido do resto de integrantes dá exemplo o asento que até seis deles ocupan en representación do Partido Popular tanto no Hórreo como en Madrid. Na composición tamén chama a atención a aparente renuncia a equilibrios ou cotas territoriais no interior do partido. Xa que logo, os nomeamentos darían conta do momento de poder interno do propio Feijoo que, por exemplo, non coloca a ningún conselleiro procedente das filas luguesas ou coruñesas do PP.

Nos micrófonos da Cadena Ser, o presidente explicaba este domingo que o criterio de selección fundamental fora a "experiencia" na xestión pública. "A unha consellería hai que chegar aprendido", subliñou ao respecto Alberto Núñez Feijoo. Pouco antes de facer públicos os nomes, apuntaba Feijoo que se trata dun conxunto de homes e mulleres "coñecedores do contido e o alcance das súas competencias". "Busquei xente que empece a traballar o mesmo día da súa toma de posesión", insistiu. De feito, o novo equipo procede na súa maioría da propia administración, onde a maioría de novos conselleiros acumulan a súa traxectoria en postos e ocupacións diversas. O titular de Industria, Xavier Guerra, é de feito o que achega o perfil menos marcado pola administración.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: