Manuel Vázquez asegurou que a intervención do presidente da Xunta careceu de medias firmes para combater a crise.
Os socialistas exíxenlle a Feijoo que se poña a traballar xa
“Estamos mal e imos poñernos peor”. Esta é a frase na que Manuel Vázquez resumiu o discurso de Alberto Núñez Feijoo. O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG e secretario provincial dos socialistas ourensáns, cualificou a intervención de “pouco tranquilizadora” porque estivo falta de “medidas firmes para combater a crise e o paro”. Así, exixiu ao presidente da xunta a que se poña a traballar “xa dende o vindeiro luns”.
Con todo, Vázquez amosouse disposto a manter contactos co novo goberno galego, se ben adiantou que “o consenso político hai que gañalo día a día” e reiterou a petición de actuacións rápidas “con quen está pasando dificultades”, para evitar que a crise se agrave aínda máis en Galiza.
Do mesmo xeito, o até agora conselleiro de Traballo e presidente da xestora do PSdeG, Ricardo Varela, instou a Feijoo a que defenda os intereses dos galegos e asegurou que os socialistas van a “defender dende a oposición os servizos públicos galegos, que son piares fundamentais da construción do noso país”. Así, Varela recordou que o goberno bipartito adicou un “importante esforzo” á inversión en servizos públicos como a sanidade ou a educación” e adiantou que o PSdeG estará vixiante coas decisións que tome o novo goberno.