Antes de pasar polas urnas, o agora presidente contáballe a Vieiros que Galiza "ten un déficit de sociedade civil", admitindo que a sociedade é ás veces "demasiado influenciábel" polo poder. Vídeo no interior.
"O meu país normal é un país canto máis culto mellor. Penso que é mellor ter un fillo varredor culto que un fillo acomodado pero pouco interesado pola formación e pola cultura. Porque a cultura e o coñecemento outorgan liberdade", expresou Alberto Núñez Feijoo durante a súa visita á redacción de Vieiros ás portas da última campaña electoral.
O país normal de Núñez Feijoo, asegurou, tamén é aquel onde exista "unha sociedade civil importante", na convicción de que na historia recente "Galiza probablemente ten un déficit de sociedade civil, que é moi influenciábel polo poder, polo poder da Xunta que moitas veces non deixa emerxer a sociedade civil".