O voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, tamén se laiou da "ausencia de referencia a problemas cruciais" no discurso de Feijoo e da "ocultación do positivo da herdanza recibida".
"Cando un conservador como vostede di renunciar á ideoloxía, a experiencia dinos que o que sucede é que non pode amosala á opinión pública, que ten axenda agochada", agoirou o voceiro dos socialistas na súa avaliación do discurso de investidura de Alberto Núñez Feijoo.
"Cítolle a Risco: Menos política e máis administración é fórmula de despotismo ilustrado enarbolada por tantos reaccionarios", comentou, de paso que contrapoñía o argumentario do líder do PP ás iniciativas do PsdeG que, defendeu, baséanse nun proxecto "de reformismo progresista, de galeguismo cívico, defensa das liberdades públicas, igualdade, dereitos sociais, sustentabilidade" e na defensa dun sector público "potente". "Vostede vai gobernar co menor respaldo relativo de todos os gobernos autonómicos nos últimos vinte anos", apuntou Xaquín Fernández Leiceaga, chamando a Feijoo a respectar unhas bancadas da oposición que reúne máis votos ca o PP.
"Vostede recibe unha Galiza mellor"
En plena crise, o ámbito económico, especialidade do voceiro socialista, foi obxecto dunha ampla disección por parte de Fernández Leiceaga quen dixo ver na alocución do candidato presidencial a intención de "botar balóns fóra" trasladando o discurso co que atacaba o bipartito ao ataque á goberno español. "Non substitúa Touriño por Zapatero e siga coa mesma canción, porque vai xestionar recursos equivalentes ao 20% do PIB galego: faga de presidente da Xunta", recomendoulle. Nesa liña, o voceiro socialista acusou a Feijoo de interpretar erroneamente os indicadores económicos e repasou en particular as cifras de paro para subliñar que o novo executivo "recibe unha Galiza que resiste mellor que o conxunto do Estado en termos de crecemento económico e desemprego".
Por outro lado, Leiceaga convidou o vindeiro Goberno a unha tripla actuación, baseada no reestabelecemento da solvencia financeira e a liquidez a través, entre outros, dunha reformulación do Igape; do impulso fiscal a través do gasto en investimento, "só o gasto público pode ser un punto de apoio sólido para mover a economía"; e do reforzo das políticas sociais. A extensión autonómica da cobertura do paro, o acordo co goberno español para a ampliación da cobertura de desemprego, ou a modernización do tecido produtivo foron outras achegas realizadas polo PSdeG nesta xornada.