Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HOME DE CONFIANZA DE XOSÉ BLANCO

Antón Louro será o vindeiro delegado do goberno español

Especialista no eido das obras públicas, preside actualmente a Comisión de Fomento, no Congreso dos Deputados.

Pablo García Martínez - 13:30 14/04/2009
Antón Louro (dereita) con Modesto Pose e Ricardo Varela

Antón Louro (dereita) con Modesto Pose e Ricardo Varela

Malia que soaron no debate interno outros nomes como o de Ricardo Varela ou Carme Marón, Antón Louro, concelleiro do PSdeG en Pontevedra e deputado pola circunscrición do mesmo nome no Congreso será o vindeiro delegado do goberno español no país.

O de delegado do goberno español é un posto clave na nova situación do PSOE en Galiza, na oposición parlamentaria, e por iso hai xa varias semanas que dende a dirección do partido se expuxo a necesidade de dispoñer aquí dunha persoa cun perfil "máis político". O papel secundario desempeñado polo delegado até o momento tórnase especialmente importante por ser o encargado de mediar entre o goberno estatal, dirixido por Rodríguez Zapatero; e o galego, que dirixirá Núñez Feijoo.

Perfil político e experiencia nas administracións de obras
Os socialistas prevén que parte importante da estratexia de márketing político do PP se basee en cargar no lombo do goberno de Zapatero a responsabilidade da situación económica que vive hoxe o país e, en xeral, o resto do Estado. Tendo en conta iso, ven en Antón Louro unha persoa capaz de vender os logros do executivo de Zapatero na loita contra a crise e tamén no resto de eidos da súa actividade.

Precisamente a chegada a semana pasada de Xosé Blanco ao Ministerio de Fomento deixa entrever que un dos eidos nos que máis vai traballar o goberno español en Galiza é a mellora das infraestruturas. O avance nas vías de comunicación do país e, especialmente do TAV, serán o gran cabalo de batalla de Blanco nos vindeiros meses e tamén aquí tivo importancia que Louro fora até o momento o presidente da Comisión de Fomento, no Congreso dos Deputados.

Renovación do PSdeG
A chegada de Antón Louro ao posto de delegado vai supoñer un paso máis na renovación do PSdeG, xa que implica a saída do cargo de Manuel Ameijeiras, unha persoa da confianza de Emilio Pérez Touriño. Mais por outro lado practicamente deixa a Louro sen posibilidades de formar parte da vindeira Executiva Nacional.

Isto é así porque, tal e como lle explicaron a Vieiros fontes socialistas, dirixentes socialistas consideran incompatíbel o cargo de delegado do executivo español co traballo na dirección da delegación galega. Así, Louro conserva o seu peso dentro do PSOE, pero a súa previsíbel saída da dirección do PSdeG é un paso máis na renovación que a militancia reclama dende as eleccións do pasado 1 de marzo.

A confirmación definitiva fica á espera do Consello de Ministros do vindeiro venres mais semella que, a estas alturas, ese é un mero formalismo dunha decisión tomada dende a dirección do partido en España e corroborada pola militancia en Galiza. De feito, xa se dá por feito que Luís Gómez Piña será o substituto de Louro no Congreso español. Gómez Piña é natural da Cañiza, na comarca da Paradanta, e ía inmediatamente detrás de Louro na lista de candidatos do PSOE ao parlamento español pola provincia de Pontevedra.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: