Os grupos que estarán na oposición esta lexislatura expresaron a súa "preocupación " pola chegada do novo presidente, e o PPdeG criticou a súa "arrogancia" tras a derrota nas urnas.
Esta terza feira Alberte Núñez Feijoo leerá o seu discurso de investidura no Parlamento / Flickr: tikun
Socialistas e nacionalistas afrontan o debate de investidura que comeza esta terza feira co temor de que a chegada do único candidato a presidir a Xunta, Alberte Núñez Feijoo, constitúa "unha marcha atrás" nos "logros" do bipartito.
Conxugando a crítica construtiva co consenso, "cando o país o necesite"
O voceiro do PSdeG na Parlamento, Xaquín Fernández Leiceaga, avanzou que o seu partido manterá unha postura "seria e rigorosa" no hemiciclo a partir da investidura, pero avisou de que non será "compracente". "A nosa vocación é a de ser oposición, pero para chegar rápido ao Goberno, manifestou, para concluír que conxugarán a crítica construtiva co consenso, cando o país o necesite. Nesta liña, o socialista amosouse disposto a "tenderlle a man" ao novo Goberno, nesta situación de crise, aínda que volveu destacar a súa "preocupación pola historia"de Feijoo na era Fraga -cando foi vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial-, sinalando que se o "PPdeG mantén, por exemplo, a privatización dos servizos públicos" vai ser "difícil entenderse".
"Como vai resolver a crise en 45 días, como vai crear postos de traballo?"
Pola súa parte, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, vaticinou que o futuro presidente galego adiantará a continuidade de "medidas negativas" no ámbito social, lingüístico e enerxético, polo que confesou non depositar "moita esperanza" na súa intervención. Con todo, confiou en que o líder dos populares galego concrete "de que xeito" vai cumprir as súas promesas electorais: "Como vai resolver a crise en 45 días, como vai crear postos de traballo?", preguntou Aymerich, co ánimo de que Feijoo "marque obxectivos" a cumprir no seu discurso de investidura.
Nesta liña, o nacionalista sinalou como materias prioritarias de discusión a situación de crise económica, o autogoberno e a rexeneración democrática, salientando que o debate vai servir para evidenciar que o seu grupo e o grupo popular defenden "proxectos antitéticos", como por exemplo os enmarcados no eido social, dos que dixo "serán os de sempre" para Feijoo: "Protexer os intereses dunha minoría a costa da maioría social", resolveu.
"Soberbia na vitoria e arrogancia na derrota"
Ao coñecer os vaticinios de socialistas e nacionalistas, o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, laiouse do "interese" que teñen, ao seu ver, ámbolos dous grupos por "facer oposición antes de escoitar" o discurso de Feijoo, e fronte a isto reivindicou a necesidade de que os tres partidos políticos con representación na cámara cheguen a consensos para solucionar a crise económica.
"Soberbia na vitoria e arrogancia na derrota", acrecentou Ruiz Rivas para resumir o comportamento de socialistas e nacionalistas para, despois de censurar a súa "política de confusión", asegurar que o seu partido enfróntase a esta nova etapa "con moita ilusión". "Sabemos que non debemos reincidir nos nosos erros e tampouco nos erros que multiplicou o bipartito", concluíu.