Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para conseguir un partido "máis forte e plural"

O PNG apoia a Aymerich para a Portavocía Nacional do BNG

No mediodía deste sábado a plataforma de militantes nacionalistas 'Máis BNG: o cambio necesario' presentará este seu candidato para a vindeira Asemblea Nacional do partido.

Redacción - 09:00 11/04/2009
Aymerich presentará este sábado as propostas da súa candidatura

Aymerich presentará este sábado as propostas da súa candidatura

O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), liderado polo ex deputado Iago Tabarés, comunicou o seu apoio oficial á candidatura de Carlos Aymerich á Portavocía Nacional do BNG, organización na que este partido se integra. Ao seu xuízo, o proceso aberto, tras os resultados electorais do 1 de marzo, "ten que ser liderado de tal forma que saia un Bloque máis forte, que respecte e afonde no valor da pluralidade do nacionalismo, que coa súa unidade representa hoxe" a formación frontista.

Nun comunicado de prensa, o partido sinala que a dirección acordou participar na candidatura encabezada por Aymerich, actual voceiro parlamentario do BNG e integrado na corrente denominada 'quintanista', que no seu día liderou Anxo Quintana arredor do que se aglutinaron militantes independentes da formación nacionalista. Para PNG-PG a asemblea nacional extraordinaria, o plenario da cal se ha desenvolver o vindeiro 10 de maio, "non pode supoñer unha mera elección de candidaturas, senón que ten que ser un punto de inflexión no BNG, do que debe saír unha organización máis forte, afondando na pluralidade, na participación e a apertura social.

O Partido Nacionalista Galego súmase, así, ás listas de delegados que conforman tamén Espazo Socialista Galego e Inzar, que tamén apoiarán a Aymerich na súa candidatura para liderar a Executiva do Bloque, dentro da corrente denominada Máis BNG: o cambio necesario, que este sábado ao mediodía presentará as súas propostas en Compostela.

Os integrantes da dirección do BNG resultan dos 50 primeiros membros que integran o Consello Nacional -máximo órgano de decisión entre asembleas-, e que serán escollidos polos delegados do conclave.

O proceso de escolla dun novo voceiro ou voceira nacional
O proceso aberto para a renovación da dirección nacionalista, tras a dimisión, o pasado 14 de marzo, da Executiva en pleno co seu voceiro nacional, Anxo Quintana, á cabeza, atópase neste momento no proceso previo á elaboración de listas de delegados.

Actualmente, as correntes críticas do Bloque -co Encontro Irmandiño e Esquerda Nacionalista á fronte- elaboran listas de delegados abertas, se ben os 'irmandiños' amosaron a súa oposición ao sistema de representantes e pediron un censo pre-asembleario para o conclave que permitise a todos os militantes que o desexasen acudir ao plenario. Ademais, a Unión do Povo Galego (UPG) xunto con militantes independentes concorrerán nas comarcais cunha listas de delegados baixo a denominación de Alternativa pola Unidade, co que, polo menos, serán tres as candidaturas de delegados que se presentarán. Todas elas, ademais, levan aparelladas un candidato a voceiro nacional, que deberá presentarse noutro prazo aínda non aberto.

Segundo o regulamento asembleario, para obter representación no conclave, é preciso conseguir un 10 por cento de delegados nas votacións das 24 asembleas comarcais. A distribución será proporcional aos votos obtidos neses conclaves.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: