Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crédito temporal de 800 mil euros

Semana Verde: frea o burato económico pero non se aclara o futuro

Na última xuntanza do padroado da Fundación achegouse proposta para converter a feira internacional en evento "multisectorial".

Redacción / EP - 12:30 02/04/2009

Á porta do cambio de Goberno, a viraxe política chegará sen que a Consellaría de Presidencia cedese á de Medio Rural a pilotaxe do recinto da Semana Verde. As suxestións do sector agrogandeiro para que o proxecto fose inserido na estratexia global do Executivo no eido do Medio Rural queda así de momento no caixón. De feito, a proposta que atopará na mesa o vindeiro Goberno é a transformación do principal evento que acollían as instalacións nunha feira de mostras multisectorial, destinada a todo tipo de público e con alto compoñente de lecer en todas as xornadas.

A idea exposta pasa por virar orientación e obxectivos, priorizando a exhibición de produtos destinados ao consumidor final. Desta forma, o carácter profesional doutras edicións recondúcese a monográficos especializados que as instalacións dezás acollerán de xeito independente en diferentes datas. Así e todo, a organización promete que o evento manteña a esencia como "completo escaparate do mundo rural", despregando unha ampla área agrícola e forestal na que participarán tanto expositores de equipamentos para explotacións agrícolas como de fertilizantes, biomasa e maquinaria forestal. Tamén haberá unha área gandeira, que acollerá unha ampla mostra de instalacións, xenética, alimentación animal e numerosas exposicións de razas bovinas, ovinas, caprinas, porcinas e equinas.

Por outro lado, a feira recupera as súas datas habituais ao celebrarse entre o 11 e 14 de xuño, aínda que reducida así a catro días, de xoves a domingo.

Romeu cre que a Fundación é agora "máis estábel, moderna e profesional"
"Posúe unha carteira de proxectos máis importante que en ningún dos exercicios anteriores", subliñaba este mércores o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, á saída da celebración do derradeiro padroado no que participa o Executivo saínte. Na opinión de Méndez Romeu o Goberno deu estes anos os pasos necesarios para que este recinto feiral sexa "referencia en Galiza no ámbito da promoción comercial".

A modo de balance, Romeu recordou o problema da "blindaxe estatutaria" que atopou a Xunta na Fundación hai catro anos e atribuíulle a isto a ralentización dos cambios. Lembrou o conselleiro que a Fundación acumulaba perdas "por valor de 19 millóns de euros" e subliñou a necesidade dun plan de viabilidade. Segundo Romeu, o seu departamento foi capaz de impulsar "un novo concepto de xestión cunha dirección xeral nova e de carácter profesional". “Estase camiñando nunha senda de profesionalidade, de transparencia, de adecuación á legalidade e de competitividade empresarial”, afirmou.

Doutra banda, confirmou o outorgamento dun crédito temporal, por valor de 800 mil euros, para permitir "o funcionamento cotián da fundación”, cunha duración de 6 meses "precisamente para que sexa a nova administración a que tome a decisión estratéxica de funcionamento para o futuro”. Cara a ese futuro será importante a auditoría actualmente en curso que deberá botar luz sobre as contas da entidade.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: