Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Unesco

Os lumes poderían eivar a candidatura do Gêres-Xurés a reserva da biosfera

Por outra banda, o DOG publica este luns o Decreto polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais na beira galega.

Redacción - 14:30 30/03/2009
Portugal e Galiza aspiran á distinción conxunta da Unesco

Portugal e Galiza aspiran á distinción conxunta da Unesco

Os incendios producidos no Parque Nacional da Peneda-Gerês (Norte de Portugal) nos últimos anos poden pór en risco a candidatura a reserva da biosfera da Unesco, presentada conxuntamente co Parque Natural do Xurés, na Baixa Limia. Está previsto que os gobernos portugués e galego entreguen o proxecto ao organismo internacional en decembro.

A prensa lusa salienta neste senso que o lume que durante tres días consumiu hai unha semana máis de 400 hectáreas xunto á Mata da Albergaria -a máis importante das tres reservas integrais do parque-, entre a Portela do Homem e os Carris, "foi revelador das debilidades a nivel de prevención" na área.

O Correio da Manhã lembra que nos últimos dez anos arderon da beira portuguesa máis de 20 mil das 72 mil hectáreas do parque. Ademais, os incendios de agosto de 2006 e de 2001 arrasaron con varias reservas e áreas de protección integral do Peneda-Gerês.

Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN)

Por outra banda, a Consellaría de Medio Ambiente publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Este novo plan substitúe o aprobado no ano 1993, inclúe un total de 29.762 hectáreas, das que 20.920 lle corresponden á superficie actual do parque e as 8.842 hectáreas restantes representan a área protexida coa que no futuro se pretende ampliar.

O obxectivo deste decreto é a conservación da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, as paisaxes e hábitats, así como a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres, preservando a diversidade xenética.

O PORN contará cun programa económico-financeiro para os próximos cinco anos que disporá dun orzamento de máis de seis millóns de euros.


3/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: