Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÍTICAS NO BNG

Pilar Rojo será a presidenta do Parlamento

Núñez Feijoo tomou a decisión este sábado despois de escoitar as propostas dos deputados electos e as doutros cargos do partido.

Redacción - 18:58 28/03/2009

O Grupo Parlamentario Popular proporá a Pilar Rojo presidenta do Parlamento de Galicia o vindeiro mércores, 1 de abril, na sesión constitutiva da Cámara galega. A decisión foi tomada por Alberto Núñez Feijóo, tras escoitar nos últimos días aos deputados electos, aos presidentes provinciais e o secretario xeral do Partido. Algún dos deputados electos deron a súa opinión verbalmente e outros por escrito até o mesmo venres.

PSdeG-PSOE e BNG coincidiron en reclamarlle a Pilar Rojo "respecto" para todas as forzas políticas do Parlamento. O voceiro socialista na nova cámara, Xaquín Fernández Leiceaga, fixo referencia á "dinamización do Parlamento" e ao "respecto de todos os grupos" que mantivo ao seu xuízo a anterior presidenta, Dolores Villarino.

En cambio, Carlos Aymerich recibiu a nova con críticas: "os seus antecedentes non son bos", dixo, aludindo á pasada campaña electoral onde segundo o nacionalista, Rojo "non foi exemplo do que deben ser os valores que imperen nos debates parlamentarios". Con todo, Aymerich admitiu que a súa xestión como presidenta do Parlamento "aínda está por escribir" e solicitoulle "obxectividade" para que os debates poidan desenvolverse "con normalidade" e para "non coartar" a oposición parlamentaria. "Un presidente parlamentario debe ser como un árbitro: cando menos se saiba que está, mellor", dixo Aymerich.

Pola súa banda, o popular Manuel Ruiz Rivas, cualificou a elección de "acertadísima". "É unha persoa que cumpre todos os requisitos e valores democráticos", destacou, e indicou que "nesta legislatura vai ser moi importante alcanzar consensos" e que, neste sentido, mostrouse convencido de que Rojo "vai facilitar o acordo".

Experiencia institucional
Nas eleccións de marzo Pilar Rojo foi a número 4 na lista do PP pola provincia de Pontevedra. Na pasada lexislatura no Parlamento foi portavoz adxunta do Grupo Parlamentario e voceira de Vivenda. Foi membro da Comisión de estudo da Reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ademáis, formou parte tamén das Comisións de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; e de Educación e Cultura. Anteriormente fora conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado (2003-2005).


1,64/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: