Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asemblea Xeral, este venres en Barcelona

A ALE aposta por reforzar o modelo social europeo fronte a crise

A Alianza Libre Europea, da que forman parte o BNG e medio cento de forzas nacionalistas da UE máis, critica o sistema electoral para a Eurocámara.

Redacción - 18:45 27/03/2009
Ana Miranda, vicepresidenta da ALE

Ana Miranda, vicepresidenta da ALE

A Alianza Libre Europea (ALE) considera que "se debe reforzar o modelo social europeo como fundamento dunha sociedade baseada na solidariedade", e aposta polo "pleno emprego de calidade, con igualdade de xénero, nun contorno de traballo seguro e saudábel".

Estes son algúns dos fundamentos defendidos pola coalición formacións nacionalistas de Europa, entre estas o BNG, reunidas este venres en Barcelona en Asemblea Xeral. A ALE aposta por "manter os servizos públicos de interese xeral, a uns prezos asumíbeis para os traballadores" e considera prioritario "a loita contra o fraude e os paraísos fiscais".

Ademais, a ALE vai aprobar un manifesto conxunto para as próximas eleccións ao Parlamento Europeo, baixo o título de Visión para unha Europa dos Pobos, onde se poñen en cuestión os sistemas de acceso á Cámara tal como a circunscrición electoral única para o Estado Español que, din, prexudica os partidos nacionais.

O documento tamén recolle que "a agricultura e a pesca son sectores fundamentais das comunidades locais e polo tanto, das nacións europeas", e considérase fundamental que as axudas comunitarias estean ao dispor das explotacións agrarias familiares e das comunidades de pescadores, e non só das grandes empresas agrarias ou pesqueiras.

Dentro da política internacional, a ALE defende o papel de Europa no mundo en base á paz e á prevención de conflitos como o de Palestina; así como un código de conduta no comercio de armas. E posiciónase en contra da "directiva da vergoña" que "criminaliza os inmigrantes ilegais e permite a súa detención prolongada sen garantías xurídicas".

Ana Miranda: "Reinventar a democracia europea"

A vicepresidenta da ALE e representante do BNG, Ana Miranda, considera que "as nacións europeas queremos tomar decisións por nós mesmas e non que outros as tomen por nós, e para iso cómpre reinventar a democracia europea nun contexto de globalización que ameaza a democracia, os dereitos humanos, a cultura, o medio ambiente e por suposto, o dereito de autodeterminación".


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: