Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OITAVA LEXISLATURA

Xaquín Fernández Leiceaga será o novo voceiro parlamentario socialista

O deputado pola circunscrición da Coruña asegurou que fiscalizará o cumprimento das promesas de Núñez Feijoo.

Redacción / EP - 17:40 27/03/2009

Xaquín Fernández Leiceaga foi designado pola xestora do PSdeG voceiro do futuro Grupo Parlamentario socialista na oitava lexislatura. Leicega, nado en Noia en 1961, dixo que "haberá que agardar a que as bases se pronuncien" para "completar" a configuración do grupo, e que os cargos "deberanos ocupar os compañeiros que mellor poidan".

Un dos factores que se terán en conta á hora de elixir os diferentes cargos dos deputados electos na Cámara será o "equilibrio" territorial e que "se lles preste atención ás grandes urbes". O PSdeG desenvolverá o seu congreso, en que renovará a directiva, o 24 e 25 de abril en Pontevedra.

En calquera caso, Fernández Leiceaga recoñeceu que aínda non tivera "demasiado tempo" para pensar que temas lle formulará ao futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, mailia que dixo que o seu grupo estará "moi pendente" de que "cumpra as súas promesas electorais".

O futuro voceiro socialista dixo que "non permitirá malgastar o plus de riqueza, a menor destrución de emprego e a maior capacidade de resistencia" coas que o Goberno bipartito deixo Galiza despois de catro anos de lexislatura.

Xaquín Fernández Leiceaga foi o número da lista do PSdeG pola circunscrición da Coruña e xa fora viceportavoz na pasada lexislatura. É doutor en Ciencias Económicas e profesor na USC. Foi concelleiro na corporación compostelá de 1999 a 2007.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: