Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A sucesión de Touriño

A asemblea do PSdeG en Vigo termina a pancadas, puñadas e empurróns

A corrente oficial, liderada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, obtén 19 compromisarios; e a corrente crítica, sete.

Redacción / EP - 08:00 27/03/2009
O alcalde da cidade, Abel Caballero, encabezaba a chamada 'candidatura oficial'

O alcalde da cidade, Abel Caballero, encabezaba a chamada 'candidatura oficial'

O ex edil socialista e líder da corrente crítica dentro do seo do PSdeG en Vigo, Gonzalo Caballero, obtivo o 28,2% dos votos emitidos, o que lle permite ter sete delegados no congreso que o partido ha desenvolver o 25 de abril, para escoller o novo secretario xeral da agrupación, o sucesor de Emilio Pérez Touriño, así como a nova executiva.

Da asemblea, que se desenvolveu esta quinta feira de tarde, nun hotel da cidade olívica, habían saír os 26 compromisarios que representarán os socialistas vigueses no congreso. Os outros 19 conseguiunos a corrente oficial, que lidera o alcalde da cidade, Abel Caballero. Esta candidatura da executiva local obtivo 527 votos, o 71,2%.

Tensión, golpes e pancadas ao terminar a votación
Tras terminar o escrutinio dos votos, a tensión entre as diferentes faccións de militantes foi en aumentos, e intercambiáronse insultos, descualificacións e berros. As diferenzas entre as distintas sensibilidades do partido acabaron traducíndose nun enfrontamento físico entre varios militantes, que se deron, entre si, pancadas, patadas, puñadas e empurróns.

Finalmente, algúns dos altos cargos do partido na cidade conseguiron separar os militantes, envolvidos na liorta, e laiáronse da súa actitude, e de que "algúns se puxesen nerviosos".

Os compromisarios vigueses
Unha vez terminadas as votacións, o ex concelleiro Gonzalo Caballero dixo estar "moi satisfeito" por un resultado "espléndido", e lembrou que a corrente crítica ha ter o seu propio representante no congreso. Porén, o secretario da executiva local do partido, Manel Gallego, non lle deu a razón, xa que segundo el, a corrente alternativa descendeu en número de apoios.

Feita a selección, as cousas quedan así. A candidatura relacionada coa executiva terá entre os seus delegados ao alcalde da cidade, Abel Caballero; a Manel Gallego; á ministra Elena Espinosa; aos concelleiros Ángel Rivas, Carlos López Font; Isaura Abelairas; Santos Héctor Rodríguez e Xulio Calviño; a Yolanda Aguiar; Abel Losada, David Regades; o Josefina Silva, e até un total de 19. Inicialmente, a voceira socialista no Senado, Carmela Silva ocupaba o terceiro lugar na listaxe, aínda que finalmente desaparece da candidatura ao figurar xa como membro da Comisión Xestora do PSdeG.

Pola súa parte, a corrente crítica (á que apoiou o ex alcalde da cidade, Carlos González Príncipe), terá como delegados a Gonzalo Caballero, Óscar Lomba, María Esther Gil, Estefanía Herrera, Miguel Alonso, Isidoro Gracia y Manuel González.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: