Carlos Callón denunciou que a Academia non presentara publicamente os datos e que só comezara a distribuír o libro despois do 1 de marzo.
Nunha nota remitida aos medios, a Real Academia Galega asegura que o libro Mapa sociolingüístico de Galicia - 2004. Vol. 2: Usos lingüísticos "foi enviado, por mandado da Real Academia Galega, pola imprenta encargada da súa impresión á Editorial Galaxia para a súa distribución desde os primeiros días do mes de xaneiro, e temos constancia de que así se fixo". A nota da RAG conclúe que "coidamos que esta información é suficientemente clara para desbotar calquera asomo de dúbida respecto á actitude da Real Academia Galega".
Este martes Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, na presentación da súa interpretación dos datos do Mapa Sociolingüístico, lamentou que a RAG non presentase publicamente os datos "e que só comezase a distribuír este traballo polas librarías despois das eleccións autonómicas, xa que as conclusións que se extraen sobre o anterior mandato do PP son contundentes e desmontan, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino".