Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Bloque aposta por unha negociación bilateral

Entre o conformismo e a presión: desacordo de PSOE e BNG sobre a débeda histórica

Mentres que os nacionalistas cren que o pagamento dependerá da presión política, o PSdeG considera suficiente o 8% dos Orzamentos Xerais do Estado.

Europa Press - 09:00 18/03/2009
Antón Louro, coordinador dos deputados galegos do PSdeG-PSOE no Congreso

Antón Louro, coordinador dos deputados galegos do PSdeG-PSOE no Congreso

O BNG considerou este martes que o pagamento da débeda histórica a Galiza dependerá da presión política que se exerza sobre o goberno español, mentres que o PSdeG indicou que prefire falar de "déficit" en equipamentos, infraestruturas e dereitos e manifestou que a garantía do 8% dos Presupostos Xerais do Estado (PXE) é suficiente para paliar estas carencias. O PPdeG non se pronunciou de momento a este respecto.

En declaracións a Europa Press, o coordinador dos deputados galegos do PSOE no Congreso, Antón Louro, apuntou que o acordo entre o Estado e a Xunta de Andalucía, polo cal se estabelece a débeda histórica en 1.204,41 millóns de euros, a saldar antes do 20 de marzo de 2010, afecta a "algo que se contempla no Estatuto" andaluz e "non ten nada que ver co feito de Galiza".

"Non defendemos o concepto de débeda, senón o dun déficit de equipamentos, infraestruturas e dereitos" que os socialistas pretenden resolver coa "discriminación positiva" posta en marcha, que implica que Galiza reciba o 8% dos PXE, co que "se están a financiar actuacións tendentes a corrixir" as carencias. Os galegos, argumentou Louro, dispoñen de máis recursos dos que lles corresponderían por poboación e por Produto Interior Bruto (PIB), deducindo disto que os intereses de Galiza están a ser "ben defendidos".

Ademais, en referencia ao cambio que se producirá na Xunta despois de que o PP alcanzara a maioría absoluta nas pasadas eleccións do 1 de marzo, Louro expresou o seu desexo de que os populares continúen defendendo "fronte a quen corresponda" os intereses de Galiza "do mesmo modo que o Goberno que está agora en funcións", con "eficacia e contundencia". "Para iso contará coa nosa colaboración", afirmou.

Presión política, receita o BNG
Pola súa parte o responsábel de Economía da Executiva do BNG en funcións, Carlos Aymerich, aprobou que o goberno español saldara a débeda histórica con Andalucía e considerou que lograr que se adopte unha medida similar para Galiza "non depende de nada máis que da presión política" que se faga dende aquí.

En declaracións a Europa Press, Aymerich indicou que a decisión tomada respecto a Andalucía "reafirma a necesidade" de que Galiza teña unha "relación bilateral" co Estado e "pon de manifesto que o feito de non contar cun novo Estatuto no que se regule o financiamento supón un problema grave". A elaboración dun novo texto afecta, dixo, "non só á identidade", senón a "cousas de comer como esta, como o financiamento e a débeda histórica". "Parécenos ben que outros negocien bilateralmente co Estado o financiamento e os déficit infraestructurais, o problema é que Galiza non o faga igual", dixo.

O deputado electo do BNG reprochoulle ao "PP e outras forzas estatais" que risen das propostas da formación frentista a este respecto e asegurou que, "grazas" ás súas demandas, recolleuse no pacto de goberno de 2005 entre PSdeG e BNG a reivindicación do pagamento dunha débeda histórica con Galiza que estimaron en 21.000 millóns de euros, a pagar até 2020.

Ademais, criticou que a reunión na que se logrou o acordo estivese presidida pola ministra de Administracións Públicas, a ourensá Elena Salgado, quen manifestou que non existe preocupación respecto a que outras comunidades reclamen o pagamento dunha débeda histórica por non haber outra situación como a andaluza. "É, curiosamente galega, pero parece que non exerce moito", ironizou Aymerich.

O PPdeG, pendente de Madrid
En canto á posición que, prevé, adopte o PPdeG, o membro da Executiva en funcións manifestou que cree que "vai abandonar un pouco estas reivindicacións", xa que é "moi dependente das estratexias" do partido en Madrid e "todo o que se faga" estará subordinado ás "directrices" da estrutura estatal e "en materia de financiamento non é o mellor para Galiza".

O PP, proseguiu Aymerich, goberna en comunidades autónomas nas que os intereses nesta materia son "os contrarios" aos de Galiza e expresou as súas "dúbidas" respecto de como se vai solucionar esta "contradición" e sobre a posibilidade de que Galiza "vaia pesar máis que, por exemplo, Valencia" para os populares.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: