Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
DE VISITA NA ARXENTINA E URUGUAI

Feijoo: "Non creo nas protestas preventivas"

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, dixo en Bos Aires que é "innecesario e lamentable" o conflito lingüístico que existe en Galicia.

Débora Campos - 17:25 17/03/2009

Menos de quince días despois de gañar as eleccións e malia que os votos da emigración lle quitaron á súa forza política un escano, o líder do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Alberto Núñez Feijoo, visitou a Arxentina e Uruguai para, segundo explicou, agradecer o voto da diáspora. Entrevistado por medios arxentinos, Núñez Feijoo cualificou de "innecesario e lamentable" o conflito lingüístico que se pretende instalar en Galicia e asegurou que seguirá promovendo o uso do galego cando asuma a presidencia da Xunta.

"Eu son un galego de aldea e seguirei protexendo o idioma galego. Estará en boas mans", dixo nunha das entrevistas que concedeu en Bos Aires, cidade á que chegou -dixo- para "agradecer" o voto da colectividade nas eleccións do 1 de marzo pasado.

Núñez Feijoo subliñou que non cre nas "protestas preventivas", como a convocada para o 17 de maio en defensa do galego, e insistiu en que durante a súa xestión seguirase promovendo o uso de devandita lingua pero "dentro do marco da liberdade lingüística que debe garantir un goberno democrático".

"Galicia sempre foi unha terra de bilingüismo cordial, equilibrado, e temos que recuperar a amabilidade lingüística, é dicir, o idioma da rúa", afirmou para explicar que as comunicacións oficiais serán en galego e en castelán.

"Son dous idiomas oficiais de España e deben verse desde a perspectiva da igualdade e da liberdade. Da liberdade para poder falar calquera dos dous e da igualdade para que ambos estean protexidos", argumentou.

Accións de goberno
Sobre as accións que emprenderá logo de asumir a presidencia da Xunta, en abril, o dirixente do PPdeG falou da necesidade dunha rebaixa xeneralizada de impostos que, ao seu xuízo, "reactivará o consumo e xa que logo a economía".

"Unha das cousas que hai que facer é axudarlles ás familias numerosas e aos mozos de menos de 35 anos para que poidan comprar unha vivenda. Hai 60.000 vivendas en Galicia que non se poden vender", indicou.

Ademais, o futuro presidente da Xunta indicou que outra das medidas que tomará serán o recorte dun 20% no número de departamentos de Goberno, un 40% os altos cargos e un 30% o persoal dos gabinetes. "Temos que gobernar para todos, para os que nos votaron e os que non nos votaron e facer un goberno para resolver o desemprego e a crise económica", dixo.

Entrevistado polo xornal Clarín, explicou que impulsará unha tarxeta sanitaria individual para os galegos e as galegas da diáspora que poderán usar cando vaian a Galicia a vivir, traballar ou pasear. "En inmigración non poderá haber moito máis por agora, encantaríanos que os fillos de galegos volvesen a Galicia, pero primeiro debemos crear emprego, que será o meu gran obxectivo. Os sectores produtivos como o lácteo, a construción, madeira, o sector mecánico, todos están golpeados. Hai sen traballo a 250 mil galegos, unha taxa de 12%”, explicou.

Cando o xornalista sinalou que os datos son menores que a promedio español, Núñez Feijoo matizou: “A estatística engana. En Galicia hai menos poboación activa e máis xubilados. A crise é gravísima. Polo boom da construción, hai 60 mil vivendas baleiras e sen compradores”.

Agradecido
Núnez Feijoó comentou que a súa visita a Arxentina e a Uruguai foi "exclusivamente de agradecemento" aos simpatizantes do partido e á colectividade galega. "Comprometinme a vir se gañaba, e aquí estou", apuntou antes de presidir unha cea organizada polo PP de Arxentina.

Do mesmo xeito que en febreiro pasado, cando estivo de campaña nestes dous países, subliñou que é "urxente" a reforma do voto da emigración e dixo que espera que dentro de catro anos Galicia non siga elixindo aos seus representantes no Parlamento co sufraxio por correo. "Todos os votos deben ter o mesmo sistema de seguridade e fiabilidade, e lamentablemente o funcionamento dos correos latinoamericanos non as garanten. Debemos ir entón cara ao voto en urna ou cara ao voto telemático", argumentou.

O lider popular sostivo, ademais, que a crise económica que vive Galicia é "histórica". "Non hai tempos para autocompracencias porque a crise económica e de desemprego que vive Galicia é histórica e polo tanto témonos que poñer a traballar", sentenciou Feijoo.


1/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: