Nunha entrevista na Radio Galega, o líder da UPG, Francisco Rodríguez, falou da crise que vive o BNG logo do 1M. O dirixente nacionalista subliñou que a dimisión da Executiva foi “consciente” e “meditada”. Isto coincide coa versión que lle deron a Vieiros outros cargos do BNG, que aseguran que a decisión de dimitir tomouse poucas horas antes de comparecer diante do Consello Nacional. De feito, o que ía a producirse o sábado só o sabían determinados cadros moi achegados á Executiva Nacional.
Rodríguez sinalou que a xuntanza deste sábado foi moi positiva porque “ninguén está disposto a tirar pola borda tanto tempo e traballo”. Preguntado sobre o papel de Beiras, con quen estivo especialmente enfrontado nos últimos anos, Rodríguez asegurou que, a pesar das discrepancias, “non teño un sentido revanchista nin de venganza e, no caso de Beiras, a miña actitude é de cordialidade e de respecto constructivo”.
O máximo dirixente da UPG tamén deixou claro que na futura Excutiva deben estar “as persoas mellor capacitadas” e rexeitou dar posíbeis nomes para o cargo de voceiro nacional. Porén, advertiu que non se debe descartar a ninguén por razóns de idade ou polo tempo dedicado ao Bloque.
Estratexia errada do bipartitoPara Rodríguez, o principal problema do bipartito foi cren que podía gañar “automaticamente”. Aínda así, é partidario de reivindicar moitos dos logros desta lexislatura e non caer nunha crítica estéril.