O Concello de Teo denuncia que o ex alcalde do PP aceptou como garantía polos gastos dunha urbanización un aval que non está constituído.
O actual alcalde, o nacionalista Martiño Noriega, compareceu ante os medios para explicar a situación actual da urbanización
As supostas irregularidades urbanísticas volven planear sobre o concello de Teo (A Coruña), un municipio que viu medrar considerabelmente o seu número de veciños nos últimos anos. A última denuncia formulouna este venres o actual alcalde, o nacionalista Martiño Noriega, quen informou de que o goberno local trasladou á Fiscalía a inexistencia dun aval dun millón de euros que era preceptivo para a execución das obras de urbanización dunha promoción inmobiliaria, Augas Mansas, na parroquia de Cacheiras. Agora, o Ministerio Público abriu dilixencias informativas sobre o tema e solicitou máis información ao concello para aclarar se os feitos son constitutivos de delito.
A historia remóntase ao ano 2000
O proxecto de urbanización de Augas Mansas fora aprobado hai case nove anos polo entón alcalde, o popular Armando Blanco. Precisamente, o rexedor non estivo presente na Xunta de Goberno que deu o visto e prace ao proxecto por ser parte interesada na promoción urbanística, executada pola promotora Mahía Santiago S.L.
A cuestión é que a promoción desta urbanización exixía por lei a constitución dun aval como garantía polo custe das obras. Non obstante, cando o goberno municipal actual tomou posesión non apareceu tal aval, senón unha solicitude de constitución da garantía tramitada naquel ano 2000, mais que nunca chegou a facerse realidade.
"Xestionamos unha herdanza envelenada", di Noriega
Na actualidade, a urbanización Augas Mansas non está aínda recepcionada polo concello, xa que non se cumpren todas as circunstancias necesarias: "a máis imporante é a falta do aval que debía ter presentado a promotora", segundo explica o actual alcalde. Agora, o nacionalista denuncia que daquela "aceptouse como garantía un papel que non ten ningún valor" e explica que "entendemos que as dúas partes teñen unha responsabilidade da que deben responder: a empresa, por ser coñecedora da obrigatoriedade de presentar aquel aval debidamente constituído; e o Concello por ter a obriga de comprobar que aquel documento respondía a unha garantía real".
Agora, o grupo de goberno denuncia a difícil situación que teñen que xestionar: "sen dúbida, o máis importante son os veciños e veciñas da urbanización, polo que queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade sobre todo a eles", explica Noriega. Neste sentido, adiantou que xa se encargou un levantamento topográfico que ofreza datos reais e que permita aos técnicos municipais informar sobre as actuacións necesarias por parte da promotora para facer efectiva a recepción das vivendas. Con todo, Noriega subliña que "estas situacións que se xeraron en Teo por unha nefasta política en materia urbanística non se poden volver a repetir".