Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES SE MULTIPLICAN OS CONTACTOS

Os diferentes sectores do BNG comezan a poñer as cartas boca arriba

A primeira fin de semana de maio é a data que se manexa para unha Asemblea Nacional que quere espantar as sombras dunha escisión.

R.V. - 13:35 13/03/2009
Tags: asemblea BNG

Logo do desconcerto que produciu a perda da Xunta e a caída en votos, as caldeiras do BNG comezan a funcionar con certa normalidade. Os diferentes partidos e correntes que conforman a fronte nacionalista multiplicaron os contactos nos últimos días. Este xoves, a Executiva Nacional reuniuse para ultimar o Consello Nacional deste sábado, que será o punto de arranque oficial para o anunciado “proceso de reflexión”.

E contra o que se agardaba a priori, a Executiva Nacional foi relativamente maina. Aínda que enriba da mesa se comezaron a poñer as diferentes análises e receitas, todos coincidiron na necesidade de salvagardar a unidade da organización e darlle unha pluralidade real aos órganos de dirección. Porén, logo da declaración de intencións, resta por ver o máis importante: como se concretiza e como se consegue que non haxa vencedores nin vencidos logo do duro debate que se aveciña?

Todos coinciden en que é precisa unha Asemblea Nacional antes do verán. De feito, xa se baralla a primeira fin de semana de maio como a data máis probábel para o evento. Aínda así, non está resolto un dos elementos de confrontación: Asemblea aberta a toda a militancia ou por delegados? A UPG e o “quintanismo” consideran que pode haber un debate de toda a militancia nas asembleas comarcais e locais e logo unha nacional cunha ampla representación de delegados, aínda que tampouco se pechan en banda a un cónclave aberto. Pola súa parte, “irmandiños” e Esquerda Nacionalista reiteran que é fundamental darlle voto a todos os afiliados.

Os diferentes sectores do BNG queren espantar as sombras de escisión que algúns aínda ven planear. Para evitalo hai que resolver unha ecuación complicada. Na mesma teñen que estar presentes dous factores fundamentais: a unidade dunha organización historicamente plural e a apertura dun novo ciclo político.

A UPG move ficha
Quen comeza a mostrar as súas cartas é o partido con maior peso interno: A UPG. A formación que lidera Francisco Rodríguez celebrou o sábado pasado un Comité Central no que puxo a punto a súa estratexia. No mesmo, logo dun intenso debate, decidiuse adiantar a Asemblea Nacional a antes do verán, tal e como demandaban os sectores máis críticos. Na UPG causou moito malestar as críticas públicas de Xosé Manuel Beiras, pero non se pechan á posibilidade dunha candidatura única á Executiva que integre a críticos.

Porén, na UPG consideran que o partido ten que desenvolver un papel nuclear nas asembleas comarcais, que serán as que marquen as liñas mestras da asemblea de maio. No até o de agora partido hexemónico consideran que o “quintanismo” sen Anxo Quintana non será o mesmo e perderá moita da súa forza.

O “quintanismo” quere xubilar a Beiras e a Rodríguez
O voceiro nacional ten previsto apartarse da primeira liña política na vindeira asemblea. Porén, os seus queren que antes libre unha batalla interna. Na primeira entrevista concedida a un medio escrito (Xornal de Galicia) dende a derrota do 1M, Quintana deixa claras as súas intencións: “O que parece lóxico é que nesta nova etapa non poden protagonizar o BNG do século XXI os que tiveron tamén a responsabilidade de protagonizar o nacionalismo do ano 77 ou do ano 79”

A mensaxe é diáfana. O “quintanismo” quere que canda Quintana caian da dirección dúas figuras claves no BNG: Francisco Rodríguez e Xosé Manuel Beiras. O pase destes dous líderes históricos a un segundo plano abriríalle a porta a dirixentes máis novos.  O líder irmandiño xa deixou claro que a Executiva elíxese nas asembleas e non en negociacións previas. Pola súa parte, semella pouco probábel que a UPG acepte decapitar o seu propio secretario xeral.

Mais no Consello Nacional deste sábado pode haber sorpresas. Ningún dos diferentes sectores do BNG ensinou aínda todas as súas cartas. Os contactos entre correntes e partidos son continuos. No que todos coinciden é que o Bloque ten que reaxir e iniciar unha nova andaina logo de revisar os fallos. A pregunta segue a ser a mesma: Como se vai afrontar esa etapa e quen serán os pilotos? A resposta: cuestión de semanas.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: