O alcalde socialista nega a ocultación do borrador do PXOM, tal e como lle acusan desde o Bloque.
Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, o rexedor de Nigrán, Efrén Juanes, negou as manifestacións do tenente de alcalde e voceiro do BNG en Nigrán, David Giráldez, sobre o Plan Xeral. Ao fío, dixo considerar necesaria a "refundación" do pacto actualmente en vigor entre socialistas e nacionalistas. "A conxuntura política na que se asinaron non é a mesma", expuxo.
A este respecto, non só se referiu á necesidade de sintonía entre os socios, senón a que "a conxuntura política na que se asinaron os pactos non é a mesma", ao respecto dos resultados das eleccións nas que o PPdeG recuperou a maioría absoluta. Así e todo, Juanes asegurou confiar en que se poida seguir mantendo o pacto PSOE-BNG no Concello, subliñando que iso pasa por unha "refundación" que recupere a "confianza, cooperación e cohesión", entre os socios. "A cidadanía non quere un goberno constituído en departamentos estancos onde afloren desconfianzas e discrepancias", analizou.
O punto de conflito fundamental na actualidade é a suposta ocultación do borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), denunciada polo grupo municipal do BNG, que acusa directamente o alcalde deste feito. O alcalde xustificou que o único que manexan os socialistas de momento é un "borrador do documento técnico de inicio" e insistiu en que o departamento municipal de Urbanismo fará as "correccións materiais pertinentes" e será entón cando presenten o documento ao resto da Corporación Municipal. Posteriormente, sería remitido á Consellería de Medio Ambiente para que se emita "o documento de referencia" e, a partir deste momento, "é cando se abrirá o debate social e político sobre o PXOM", asegura Efrén Juanes.