Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP ourensán analiza a perda dun escano

"As consecuencias podían ser peores", avalía Baltar

O líder dos populares ourensáns enmarca "dentro do previsto" a perda dun escano en Ourense porque, subliña, a "guerra" era lograr a absoluta.  

Europa Press - 18:45 10/03/2009

O presidente do PP en Ourense, Xosé Luís Baltar, asegurou este martes que a perda dun escano pola provincia de Ourense tras o reconto do voto emigrante estaba "dentro do previsto", pero restoulle importancia porque a "guerra" do seu partido, insistiu, era conseguir a maioría absoluta en Galiza.


Nunha entrevista coa Cadena Cope Baltar avogou por lograr "cantos máis escanos mellor", pero dixo preferir "sacar a maioría en Galiza e gobernar que ter en Ourense oito ou nove deputados e non gobernar". Así, aínda que confesou que lle tería gustado "manter o deputado", admitiu que "era difícil" e agregou que "menos mal que se reordenou un pouco o voto emigrante" porque, elucubrou, pola contra "as consecuencias podían ser peores". Deste modo referiuse ao feito de que o voto dos emigrantes non contase "coas garantías necesarias", polo que insistiu na necesidade de introducir o voto en urna.

A pesar da perda dun escano en Ourense, o dirixente popular recalcou que esta provincia volveu ser un "fortín" para o PPdeG fronte aos seus rivais. Neste sentido, expuxo que PSOE e BNG centraron en Ourense a súa campaña electoral como "punto neurálxico" porque "crían que non ían perder a súa maioría en Galiza". En concreto, aludiu ao PSOE e asegurou que baseou a campaña electoral máis no propio Baltar e o seu ámbito que en Núñez Feijoo e nos candidatos populares nas listas, polo que na súa opinión foi un "mérito extraordinario aguantar ese tirón".
 
Sobre o futuro Goberno
 
Sobre a repartición de consellerías que fará o futuro presidente da Xunta, Baltar evitou pedir cotas porque, ao seu entender, o importante é o "compromiso" de Núñez Feijoo coa provincia de Ourense. Así, recordou que no executivo saínte hai "tres valedores de Ourense", en referencia ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; e acusounos de ter como balance un "fracaso absoluto". "Quixeron vender outra cousa pero realizaban moitas promesas e poucas obras", acusounos.  


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: