O vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE e actual presidente da comisión xestora do partido, o lugués Ricardo Varela, defendeu este martes que a súa formación, logo do escrutinio do voto da emigración, "confirma que mantén intacto o seu peso no Parlamento". Foi nese sentido que lle recordou ao PP que gobernará cunha estreita maioría de 38 escanos, similar suma á que apoiaba o goberno saínte, cualificando de "vitoria exigua e cunha maioría xusta" o resultado dos populares.
Nesa liña, Varela esixiulle ao PPdeG que goberne "tendo en conta a outra metade de Galiza que non lles votou". "A cidadanía deulle a confianza ao PPdeG por catro anos, non máis", subliñou Ricardo Varela. De paso, expresou a convicción de que o seu partido "demostrará na oposición o seu compromiso con Galiza". "Trazaremos unha liña e non permitiremos ao PP que retroceda nin un metro no avanzado", advertiu.
Sostén que o problema é a "visualización" do pacto
Doutra banda, o líder socialista referiuse ao debate interno no partido ao respecto do futuro dos pactos entre PSOE e BNG. Segundo a súa análise, o que estaría en cuestión non son os pactos en si, senón "a súa visualización". Unha percepción social destes acordos que, explica Varela, no caso do acordo na Xunta "puido non gustar a alguén porque se trasladou unha imaxe de compartimentación excesiva das áreas de goberno". Ao respecto, xustificou o socialista que "non se trata de responsabilizar a ningunha das partes".
Ao fío, quitoulle peso ás declaracións do conselleiro de Presidencia en funcións, Xosé Luís Méndez Romeu, quen en declaracións á prensa se mostrara belixerante co pacto destes catro anos e cos propios pactos locais que se manteñen en cidades e vilas. "As manifestacións do PSdeG son as da súa dirección", sentenciou Varela, "calquera outras, son a título persoal", engadiu.
"Hai unha parte da sociedade que exteriorizou nas urnas un desacordo cos pactos, pero non co contido do pacto, senón coa súa exteriorización", analizou Ricardo Varela. Foi así como asegurou que os socialistas teñen vontade de "manter e respectar" os actuais acordos a nivel local que, avaliou, "están funcionando moi positivamente". "Se nalgún deles hai disfuncións ou problemas de cohesión, farase nese caso a reflexión oportuna para poñerlle solución", afirmou.