Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza coa CEG

Feijoo comprométese coa patronal a reducir "trabas" en urbanismo

O presidente dos empresarios pediulle que "estude" as actuais normas que, recordou, causaron malestar entre os construtores.

Redacción - 18:00 10/03/2009

O candidato do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, comprometeuse este martes coa patronal a reducir as "trabas" que "con carácter xeral" afectan o sector urbanístico porque, ao seu entender, "non convén" pór "máis das imprescindíbeis" neste momento de crise.

Logo de se reunir co presidente da Confederación de Empresarios (CEG), Antonio Fontenla, e cos seus homólogos provinciais, Feijoo dixo que era "urxente" aprobar o Plan do Litoral antes de 2010. Porén, non adiantou se prorrogará a lei que prohibe edificar nos primeiros 500 metros do litoral e que escinde en maio.

En calquera caso, reiterou o seu compromiso cunha ordenación do litoral de forma "ordenada e con principios" aínda que, paralelamente, se opuxo ao "bloqueo urbanístico". A este respecto, Fontenla, confirmou que lle solicitaron unha revisión das actuais normas urbanísticas que, segundo recordou, ocasionaron malestar entre os construtores.

Respecto ao diálogo social, ambos os dous deron por bo o actual marco de negociación. Así, o Acordo pola Competitividade, asinado polo Goberno, os empresarios, UXT e CCOO, servirá como "documento de base". No entanto, Feijoo considerou necesario "actualizalo" cos datos de previsión de crecemento actuais.

Traspaso de poderes na Xunta

Por outra banda, Fontenla apelou á actual situación de crise económica para considerar "urxente" axilizar o traspaso de poderes na Xunta, coincidindo co manifestado polo futuro presidente nos últimos días.

Ao respecto, o presidente da Comisión Xestora do PSdeG, Ricardo Varela, mostrouse "sorprendido" pola "ansiedade" do PPdeG, e recomendoulles "calma e tranquilidade" porque "aínda falta un mes". Neste senso, garantiu que o traspaso se levará a cabo "escrupulosamente, non como fixeron eles".


1,17/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: