Milleiros de cataláns, acompañados por cidadáns doutras nacións europeas, manifestáronse na capital da UE para pedir un estado propio.
Ao fondo, unha 'ikurriña'
"Queremos mostrarlle ao mundo que en Cataluña existe un conflito, un conflito pacífico; temos dereito de nos autodeterminar, queremos ter a posibilidade de decidir o noso futuro, queremos votar".
Esta é parte do manifesto co que estaba previsto que concluíse a marcha que este sábado pola mañá reuniu en Bruxelas milleiros de persoas (entre 10 mil, segundo a organización, e uns tres mil, segundo a Policía) para pedir un referendo de autodeterminación, segundo informa Vilaweb.
'Catalonia, the next state in Europe' (Cataluña, o vindeiro estado de Europa) e 'We want a catalan state' (Queremos un estado catalán) eran os principais lemas da manifestación, na que se podían ver bandeiras catalás, europeas e doutras nacións sen estado como Galiza.
Os participantes exíxenlles aos partidos políticos que "dunha vez por todas, poñan a independencia como obxectivo nos seus programas electorais e a autodeterminación como prioridade na súa acción de goberno". O catedrático da UB e impulsor da manifestación dos Deu Mil a Brussel·les, Enric Canela, salientou o éxito da manifestación.
Entre os representantes políticos destacan varios deputados e membros do Govern de ERC e CDC, así como doutras formacións europeas: o Scottish National Party (Escocia), o Sinn Féin (Irlanda), o Plaid Cymru (Gales) e Eusko Alkartasuna (Euskadi) sumáronse á convocatoria. Ana Miranda, en representación do BNG e da Alianza Libre Europea (ALE), tamén participou na marcha.
Non inxerencia, di Hillary Clinton
A eurodeputada galesa Jill Evans preguntoulle este venres á secretaria de Estado norteamericana, Hillary Clinton, que estes días mantén diversas xuntanzas en Bruxelas, se os EUA apoiarían as nacións sen estado, "como Cataluña, Gales e Escocia", que quixesen declarar a independencia. Clinton respondeu que evitarían calquera inxerencia nos asuntos internos doutros estados.