O ex dirixente do PNV Xabier Arzalluz afirma estar "espantando", debido á "chulería" dos socialistas.
O secretario xeral do PSE-EE, Patxi López, asegurou este venres que non quere un goberno vasco "para facer antinacionalismo" e adiantou que, se finalmente resulta elixido lehendakari, no seu Executivo haberá "xente sen carné do PSOE" e con "sensibilidade nacionalista".
En declaracións á canle de televisión Cuatro, o candidato do PSE-EE mostrouse convencido de que logo da rolda de conversacións co resto de formacións políticas, Euskadi terá un lehendakari socialista.
Unha das primeiras medidas que adoptará, de ser investido presidente vasco, estará encamiñada a afrontar a crise a través do diálogo con axentes económicos e sociais, así como a acabar con ETA, afirmou.
Para iso, o líder do PSE-EE dixo que desde a Lehendakaritza se darán "instrumentos e ferramentas" á Ertzaintza para poder "deter etarras" e "non haberá mandos intermedios" na policía autonómica vasca "que decidan o contrario".
Fomento do éuscaro "con sentido común"
Para rematar, o máximo responsábel dos socialistas vascos referiuse á política lingüística e reiterou que desde o seu Goberno se fomentará o éuscaro mais "de xeito atractivo, sen rexeitamento e con sentido común".
López, que dixo falar éuscaro, criticou que se valoren máis os coñecementos sobre a lingua vasca que o nivel profesional á hora de lograr un posto de traballo ou que se lle requira o dominio do idioma obrigatoriamente á secretaria do lehendakari e non ao propio lehendakari.
Arzalluz cuestiona a "falta de formación" de López
Por outra banda, nunha entrevista na emisora vasca Herri Irratia, o ex dirixente do PNV Xabier Arzalluz cuestionou a capacidade de Patxi López para ser lehendakari ao censurar a súa "falta de formación e preparación".
Ademais, asegurou que o desenvolvemento das negociacións para formar Goberno estalle "espantando" debido á "chulería" dos socialistas. "Estando as cousas como están, estes señores preséntanse á primeira rolda que convoca o candidato do PNV sen o seu líder. É como para que os do PNV se levanten e digan: 'cando poida vir, avisade'".