Xesús Otero renunciou ao seu cargo logo de que se soubese da súa suposta implicación.
Os presuntos implicados na trama arquivaban as sancións de tráfico até que prescribisen
O subdelegado do goberno español en Lugo, Xesús Otero, presentou esta sexta feira a súa dimisión ante o Ministerio de Administración Públicas "de xeito voluntario", tras as "acusación vertidas os últimos días" sobre a súa presunta relación coa trama que supostamente se dedicaba a "perdoarlle" multas de tráfico a algunhas persoas a cambio de diñeiro ou favores persoais.
Segundo informou a delegación do goberno español en Galiza, Otero tomou esta decisión coa "vontade de seguir colaborando" coas instancias xudiciais, na investigación que efectúa o Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo. Neste sentido, indicou que desexa "aclarar todas as circunstancias" derivadas das dilixencias xudiciais abertas e que puidesen estar relacionadas co organismo público provincial.
Otero ocupaba este cargo dende xullo de 2004, e a vindeira semana había ir prestar declaración como imputado, despois de que o ex xefe provincial de Tráfico, Xulio González, declarase que recibiu orde directa del para arquivar certas multas, até que prescribisen, e de anular outras. A comezos desta semana González tamén dimitía.