A policía detivo este xoves a tres persoas e incautouse de documentación para esclarecer un posíbel caso de sancións que quedaron sen cobrar.
Até o de agora xa son tres os detidos supostamente implicados nunha rede de cobro de comisións ilegais. A primeira foi unha funcionaria da Xefatura Provincial de Tráfico, que prestou declaración ao longo da xornada do xoves. Despois procedeuse ao arresto doutros dous traballadores da mesma oficina. Ao parecer, poderían estar implicados nun caso de sancións que quedaron sen tramitar e que podería estar en funcionamento dende hai varios anos. Supostamente, os implicados aceptaban subornos a cambio de evitar a tramitación de multas. Malia que a información é confusa, semella que os infractores poderían aforrar entre 200 e 300 euros e, no seu lugar, pagaban unha comisión aos detidos que iría en función da multa.
Os implicados, presuntamente, facían desaparecer as sancións, polo que os expedientes acaban por ser sobreseídos. Axentes da Policía Xudicial da Comisaría de Lugo rexistraron as dependencias da Xefatura Provincial de Tráfico e incautáronse de documentación para completar unha investigación que se tería iniciado hai varios meses. O Xulgado de Instrución Número tres de Lugo decretou o segredo de sumario en relación con este caso.