O PNV reúnese este venres con Aralar, EA, EB e os de Rosa Díez logo de o facer cos socialistas e non chegar a ningún acordo. O luns é a quenda do PP.
Patxi López semella cada vez máis preto da lehendakaritza
Este venres fixéronse públicos os resultados do reconto do votos emitidos polos emigrantes vascos nas pasadas eleccións. Tal e como se agardaba, o voto das persoas que residen fóra do estado devolve ao PSE o deputado que EA lle arrebatara no final do reconto realizado o día das eleccións. O partido de Patxi López sobe así até os 25 escanos, a cinco do PNV, mentres que EA quedaríase en só un, confirmando o maior fracaso electoral da súa historia.
A principal consecuencia desta mudanza é que agora a suma dos 25 escanos do PSE de Euskadi e os 13 do PP dan como resultado os 38 votos que Patxi López precisaría para ser investido lehendakari. Isto supón que o bloque formado por PSE e PP xa non precisaría o voto ao seu favor de UPyD para deixar ao PNV fóra da lehendakaritza. Esta suba do PSOE esclarece o panorama despois de que o PP reiterara nos últimos días a súa intención de apoiar aos socialistas na investidura, aínda que os dous partidos non teñan un acordo de goberno para a vindeira lexislatura.
Continúan os contactos para a formación do goberno
O xoves celebrouse, na sede do PNV en Bilbao unha reunión entre os dirixentes de PSE e PNV coa intención de analizar os resultados electorais do pasado domingo e comezar a falar da formación dun goberno. A reunión durou pouco máis de media hora e os dous partidos abandonaron da mesma sen achegar posturas, xa que ambos manteñen a pretensión de que saia das súas formacións o vindeiro lehendakari.
Na reunión, o PNV propúxolle ao PSE un "acordo de estabilidade" que inclúa as institucións vascas e estatais, deixando entrever a posibilidade de retirar o apoio ao PSOE en Madrid se non acadan un acordo en Euskadi. O presidente do EBB Iñigo Urkullu considerou "sorprendente" que os vascos lles pregunten como respondería o PNV se o PSE lle devolvera a proposta feita polos jeltzales mais encabezada por Patxi López. Urkullu critica que os socialistas non teñan un proxecto claro e falen de "elixir lehendakari e despois xa se verá".
Pola súa parte, o PSE emitiu un comunicado na súa páxina web no que mantén a súa vontade de "abrir unha nova etapa, cun novo liderado" en Euskadi. No comunicado explícase que o PSE agardará o seu momento (cando o PNV remate de falar cos diferentes partidos) e iniciará "unha rolda de contactos para conformar un Goberno Vasco". Este venres continúan as reunións na sede do PNV e será o momento dos representantes de Aralar.