Se neste primeiro trimestre de 2009 se dera, como marca a tendencia, unha nova caída do PIB, poderiamos falar xa tecnicamente de recesión, é dicir, acumulariamos dous períodos consecutivos de descenso. O agoiro non é bo: segundo o Instituto Galego de Estatística (
IGE), a nosa economía experimentou un retroceso do 0,2% no cuarto trimestre de 2008. Isto supón unha caída de tres décimas en relación ao avance do 0,1% que tivo entre xullo e setembro.
Malia todo, se comparamos estes datos cos de hai un ano, o Produto Interior Bruto (PIB) medrou un 0,4% e, aínda máis, no conxunto de 2008 incrementouse nun 1,8%. Con todo, Galiza leva nove trimestres consecutivos medrando máis que o Estado Español e mesmo incrementando o diferencial positivo: tal é así que o crecemento real per cápita no período 2005-08 é do 9,3%, case seis puntos máis que a cifra estatal.
Demanda e ofertaMentres, segue a caer o crecemento do consumo privado, cunha suba no cuarto trimestre do 0,7%. Pola súa parte, a inversión experimentou unha forte freada, cunha caída superior ao seis por cento no cuarto trimestre.
No sector da industria, apréciase nos datos do IGE unha debilidade da actividade, cun descenso interanual no cuarto trimestre do 8,2%, por mor do comportamento da automoción e dos sectores máis dependentes da construción. Doutra banda, rexistráronse outras caídas no eido rural e pesqueiro (-3,2%) e nas enerxéticas (-2,1%). Pola contra, o sector servizos rexistrou crecementos positivos (3,3%).