Deica decembro de 2011, data límite acordada co goberno iraquí, permanecerán no país entre 35 mil e 50 mil soldados dos 142 mil actuais.
A retirada finalizará antes de 2012
Seis anos despois da invasión de Iraq, o presidente dos Estados Unidos de América, Barack Obama, anunciou este venres que a retirada das tropas ocupantes do país dará comezo o 31 de agosto de 2010. Séguese a manter a data límite acordada co goberno iraquí, de Nadal de 2011, para a saída definitiva.
"O presidente anunciará que a actual misión de combate en Iraq rematará o 31 de agosto de 2010. Nese momento, as forzas restantes en Iraq levarán a cabo unha nova misión, unha misión máis limitada", sinalaron fontes da Administración norteamericana, baixo a condición de anonimato.
Segundo estas mesmas fontes, entre 35 mil e 50 mil soldados dos 142 mil despregados actualmente ficarán para desenvolver tarefas de formación e de equipamento das forzas iraquís, así como para protexer a reconstrución de proxectos civís e do persoal civil estadounidense.
Está previsto que Obama faga o anuncio en Camp Lejeune, unha base da Mariña en Carolina do Norte dende a que oito mil soldados partirán con destino a Afganistán como parte do reforzo de tropas previsto por Washington para mellorar a seguridade deste país.