Os partidos pechan esta sexta feira, á noite, unha intensa campaña electoral, para algunhas das formacións, a máis "sucia" que se teña visto na historia do noso país.
Socialistas e populares apuran as últimas horas da campaña electoral co apoio dos seus responsábeis estatais. Mentres o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero -que estivo esta quinta feira acompañando ao candidato socialista a lehendakari, Patxi López- estará a carón de Emilio Pérez Touriño en Compostela; Mariano Rajoy, que estivo en Lugo esta semana con Alberte Núñez Feijoo, volverá apoiar o seu candidato en Ourense. Esta sexta feira é o último día de campaña antes dos comicios, e ámbolos dous políticos queren permanecer en Galiza, ignorando a campaña que tamén se pecha en Euskadi.
En Ourense, xunto con Rajoy e Feijoo, estarán -no Pavillón dos Remedios-, o presidente provincial do PPdeG, Xosé Lois Baltar, e a cabeza de lista ourensá, Carmen Pardo. En Compostela, no mercado de gando de Amio, Touriño acompañarase de Zapatero, despois de percorrer as catro provincias durante todo o día.
Polo seu lado, o BNG pecha a campaña en Vigo, ás 20:15 horas no Pavillón das Travesas. Estará no acto o candidato á presidencia do Goberno, Anxo Quintana, acompañado de Carme Adán, Henrique Viéitez, Santiago Domínguez e Tereixa Táboas.
Esquerda Unida pechará a campaña en Compostela. Despois de repartir propaganda polo centro da cidade, os candidatos polas catro provincias, entre eles a candidata á presidencia, Iolanda Díaz, ofrecerán unha cea nun restaurante da capital. Por outro lado, o candidato de Terra Galega, Xoán Gato, estará na Feira Internacional de Mostras do Noroeste de Ferrol pechando a campaña.
Pola súa banda a Frente Popular Galega pecha a campaña electoral no concello onde ten representación municipal, Cangas do Morrazo. O acto comezará cun encontro na Casa da Cultura da vila -coas intervencións de Anxo Angueira, Moncho Fernández, Paula Fernández, o Secretario Xeral e concelleiro en Cangas Mariano Abalo e máis Xosé Luís Méndez Ferrín-, ao que seguirá unha cea de confraternidade.