O candidato socialista dixo na Coruña que hai que gañar "o partido" do domingo "xogando mellor".
Intervención de Touriño na Coruña
O candidato á reelección como presidente da Xunta polo PSdeG, Emilio Pérez Touriño, fixo un chamamento urxente á mobilización a prol do voto, porque "nada está decidido", e advertiu de que "non se gaña por ser mellor, senón por xogar mellor".
Na Coruña, perante medio cento de persoas maiores, Touriño dixo que o 1 de marzo "o partido hai que xogalo e gañalo" para "construír un país de máis oportunidades, máis igualdade, máis liberdade e máis solidariedade".
Insistiu, no derradeiro día de campaña electoral, en que o domingo "ninguén quede na casa", especialmente "as persoas maiores e as mulleres", porque o 1 de marzo "é unha encrucillada entre o pasado e o futuro, entre combater a crise dende a unión ou dende a confrontación co Goberno de España".
Segundo Pérez Touriño, o PP pretende combater a crise "con egoísmo, avaricia e desigualdade". Fronte a isto, apostou por promover a educación e a sanidade públicas "de calidade" e por aumentar os servizos sociais. Aínda que admitiu "erros", enxalzou o "avance" acadado en Galiza na última lexislatura. "É a hora da verdade", concluíu.