Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Xoán Gato: "O verdadeiro voto útil é o de Terra Galega"

O candidato de TeGa á Presidencia da Xunta dixo que logo de tres anos e medio de goberno bipartito "queda claro" que a súa é "a única opción real de cambio".

Redacción - 13:30 27/02/2009

O candidato de Terra Galega (TeGa) á Presidencia da Xunta, Xoán Gato, retrucou esta quinta feira na Coruña as palabras do vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, onde aseguraba que "un voto a Gato é un voto indirecto para favorecer o Partido Popular".

O líder galeguista amosouse indignado coas palabras de Blanco e asegurou que "un voto ao PSOE, ao BNG ou ao PP é asegurarse de que todo en Galiza vai seguir igual. O único voto realmente útil e que garante un cambio é o de Terra Galega".

Gato dixo que "despois de tres anos e medio de goberno bipartito que levaron Galiza á peor crise da historia recente na nosa terra, creo que queda ben claro que voto é útil e cal non e tamén queda claro que Terra Galega é a única opción real de cambio".

Ademais, o ex alcalde de Narón deu por seguro que o seu partido obterá uns resultados históricos: "O listón do 5% está moi alto, pero todos os indicios din que un deputado pola provincia da Coruña é seguro, que o segundo estaría moi perto e que pola provincia de Lugo tamén temos moi factíbel obter representación".

"Imos saltar ese listón (o do 5%) e imos ser a chave da Xunta. Que se preparen porque pensamos darlle a volta a este país como se fose un calcetín. Xa o dixen onte e repítoo aquí, o Gato vai entrar no Parlamento e vai acabar con todas as ratas que se alimentan de todo o lixo que alí hai".

López Balado: "Quintana, alma de cacique"

Pola súa banda, o candidato número dous pola Coruña, Xosé López Balado, arremeteu contra o BNG e máis concretamente contra o seu líder, Anxo Quintana, ao asegurar que "a súa xestión durante este tres anos e medio foi unha vergoña, pero durante a campaña foi capaz de facer máis evidente a súa alma de cacique".

"Amigos do BNG contratados pola Xunta a dedo, sen respectar as máis mínimas garantías que debería ter toda oposición pública, vellos enganados para participar nos seus mitins ... e por último os medios de comunicación demostran con fotografías o que todos xa sabíamos, que o concurso eólico foi a maior cacicada da historia de Galiza e que só serviu para que o BNG pagase favores a certos empresarios", aseverou López Balado.


1,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: