Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Ana Pontón

"Canto máis apoio gañe o BNG, máis capacidade transformadora demostrará o novo Goberno"

En conversa con Vieiros, a número dous do Bloque pola provincia da Coruña afirma agardar que a súa formación sexa "motor de cambio" en departamentos que na última lexislatura xestionaron os socios de Goberno.

R. Noguerol - 14:00 25/02/2009
Ana Pontón

Ana Pontón

Cal foi o episodio ou a iniciativa parlamentaria do que máis satisfeita se sente Ana Pontón de protagonizar nesta última lexislatura?
A satisfacción é global e hai un feixe de proxectos dos que é un pracer poder ter participado. Con todo, se tivese que destacar desde o plano persoal algunha, salientaría por exemplo a oportunidade de ter podido contribuír ao impulso dunha proposición non de lei coa que instamos a Xunta a solicitarlle ao goberno español que acometese a reforma legal para a despenalización do aborto. Era a primeira vez que o Parlamento se pronunciaba neste sentido. Recordo tamén con moita satisfacción a petición do recoñecemento da fibromialxia como enfermidade incapacitante. En xeral, probablemente a recompensa persoal se sente mellor con certos asuntos que teñen que ver con problemas que lle afectan dun xeito especial ás mulleres, ou con temas que a miúdo teñen unha difícil visibilización social e permanecen ocultos se os representantes dos cidadáns non damos o paso de implicarnos, recollelos e impulsalos.

Estes anos na Cámara tamén lle traerían decepcións, lembra algunha concreta a asumiren como reproche os deputados que veñen de rematar lexislatura?
Por exemplo o feito de que non puidese saír adiante unha nova lei para a CRTVG. É decepcionante que nesta altura non poidamos ter dado pasos ambiciosos para termos unha televisión pública que responda ás demandas dunha sociedade madura, onde non se debe xogar cos cidadáns e politizar os medios que son de todos. O feito de que iso quedase no tinteiro e que acabada a lexislatura non haxa unha garantía de que o director da CRTVG poida ser nomeada por unha maioría cualificada no Parlamento é unha cuestión profundamente decepcionante.

Algún outro desafío onde lle gustaría ver unha votación unánime do pleno parlamentario na próxima lexislatura?
Outra gran decepción foi coa negociación do Estatuto. É clave para o país que a próxima lexislatura ofreza unha oportunidade para o consenso neste asunto. Galiza precisa un Estatuto de nación, ambicioso e consensuado, que debulle o catálogo amplo de compentencias que o país necesita, que sexa instrumento chave para o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, que garanta a nosa autonomía fiscal e que garanta para a nosa lingua os dereitos que agora non ten. O BNG é quen máis esforzo leva feito para conseguir ese obxectivo, e será meta prioritaria outra vez á volta das urnas.

E acerca dese ideal, é vostede optimista a curto prazo?
O propio resultado destas eleccións vainos dar pegada da rapidez con que ese obxectivo poida ser conseguido. Eu vexo un PP moi escorado a posicións centralistas, a ver todo desde a perspectiva de Madrid. Galiza quédalles lonxe, e parece que cada vez máis. Non pensan en clave do que o país necesita, senón de criterios electoralistas e moitas veces presións internas. Con todo, nós confiamos en lograr un consenso social amplo en favor do Estatuto que Galiza precisa. Un apoio amplo e masivo ao BNG nestas eleccións será unha garantía máis clara de que teñamos axiña ese instrumento que ao país lle cómpre para afrontar o seu futuro.

Andada a primeira semana de campaña que valoración fai vostede da actitude da xente fronte a esta cita coas urnas: desmobilización, indiferencia, crecente interese...?
Estou satisfeita coa resposta que vexo nos actos convocados polo BNG. A percepción é moi positiva ao tempo que a campaña veu avanzando. Quen neste escenario xoga a que a xente quede na casa é o PP. Nós entendemos que é o momento en que os que apostaron polo cambio hai catro anos axuden a dar o empurrón definitivo. Iniciouse un camiño ambicioso, sentáronse as bases de cambios transformadores. E o BNG foi o motor dese cambio. Calquera persoa que hoxe aspire a que Galiza sexa un país con máis poder político sabe que o BNG é a única forza que responde ás expectativas. É o momento de aumentar a confianza no nacionalismo para que a capacidade transformadora demostrada nas áreas que xestionamos se estenda a outros departamentos como a sanidade ou a educación.

Vostede que vén de xogar un papel importante nas mocidades do BNG, como ve en concreto a actitude da xuventude diante desta cita coas urnas, en particular a do Bloque, máis ou menos apatía que noutras ocasións?
Penso que hai un tópico, o do suposto pasotismo, estabelecido ao respecto da actitude da mocidade nos procesos electorais. A realidade é que hai moitas mozas e mozos con inquedanzas políticas, que queren ser protagonistas dos cambios e do impulso dos proxectos. Na miña opinión, no BNG máis ca en ningunha outra forza política pode verse esa implicación. En Galiza vivíronse tempos complicados onde baixo Fraga mesmo se criminalizaba a mobilización dunha mocidade que protestaba pola ausencia de políticas para os novos ou polas políticas de fomento da precariedade. O nacionalismo ten un dos seus éxitos nesta lexislatura xustamente nese cambio cara á receptividade fronte ás demandas da xuventude. Non só polo fomento da participación ou voluntariado. Tamén polas polo esforzo a prol da entrada dos mozos no eido das TIC, da I+D, contra a precariedade... Se hai un programa político que acode a estes comicios cun proxecto serio pensado para a mocidade ese é o do BNG. Nós cremos na mocidade e cremos que Galiza é un país con futuro. E deseñamos proxectos pensados para garantir ese futuro.

Que cuestións e temas percibe vostede que reciben con maior interese na campaña os cidadáns?
Todo o que ten que ver con propostas concretas para a saída da crise ten unha boa acollida. E aí o BNG conta co aval de ter denunciando desde moito tempo antes de chegarmos a este estremo os perigos do modelo económico imposto. E tamén co aval de ser quen agora de ter moi claras un conxunto de ideas fundamentais para poñendo en valor as potencialidades do noso país sermos quen de superar esta situación. As propostas para a reforma das caixas ou a creación dun instituto galego de crédito son exemplos perfectos. Os cidadáns danse conta agora de que o reforzo contra a crise coincide con valores que sempre defendeu o nacionalismo: o reforzo dos nosos sectores produtivos, o uso do autogoberno para xerar benestar.

Como candidata concreta do BNG pola circunscrición d'A Coruña que prioridades ten destacado do programa do Bloque a pé de mitin?
Son en definitiva medidas aplicábeis ao conxunto do país, pero por exemplo, salientaría a necesidade de afondar na depuración das rías, solucionando uns custos ambientais e económicos que frean o desenvolvemento. Tamén son prioritarias as medidas destinadas á mellora do transporte colectivo, especialmente nos ámbitos metropolitanos e a creación dun ente ferroviario propio que despregue unha rede de trens de proximidade. E gustaríame destacar ademais a necesidade de competencias en salvamento marítimo, porque non pode ser que unha cuestión tan prioritaria que está afectando dramaticamente na nosa costa siga a xestionarse desde Madrid.

Na metade da lexislatura falábase dunha erosión moito maior do apoio ao PP da que indican as enquisas coas que chegamos agora ás urnas. A que pensa que se pode deber isto? No que lle toca ao BNG, hai algún factor para a autocrítica?
As enquisas hai que tomalas como unha simple referencia e o que ten valor é o que os cidadáns decidan o día 1 de marzo. En todo caso, hai varias cousas que nese sentido de tendencias indican, e a primeira é que o PP non vai gañar a confianza maioritaria da cidadanía para gobernar. O PP demostrou nesta campaña que é unha forza sen ideas, e que non lles importa usar a mentira e a manipulación. Eliminaron un candidato con sombras de corrupción en Ourense pero manteñen outros, por exemplo o primeiro pola Coruña, Carlos Negreira. Xogan a degradar a calidade democrática do país. A segunda cousa que prognostican as enquisas é que o BNG é unha forza en ascenso.

No que respecta ao labor de Goberno, hai algún área ou departamento que pensa que puido dar máis de si ou que lle gustaría ver relanzado na próxima lexislatura?
Hai que subliñar que foron tres anos e medio de goberno e que é necesaria unha continuidade para que dean o froito moitos proxectos que neste tempo se botaron a andar. Pero o que está claro é que quen respondeu dun xeito máis ambicioso foi o BNG nas áreas que lle tocou xestionar. Aí é onde temos os mellores exemplos na orientación das políticas na procura de cambios estruturais e profundos: medio rural, vivenda, benestar e cultura ofrecen abondosos exemplos. E penso que non se viu tanto esa vocación nos departamentos que xestionou o PSOE. Por iso, se nestes comicios o BNG gaña confianza cidadá nas urnas haberá máis marxe para estender a nosa ambición transformadora a outras áreas e aí eu penso en dúas prioritarias: medio ambiente e política lingüística.


4,2/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: