Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
PREOCUPACIÓN NOS ESTALEIROS

O naval, un sector estratéxico de futuro incerto

Os traballadores de Navantia Ferrol manifestáronse en demanda de maior carga de traballo e da elaboración do plan industrial. As formacións políticas difiren no seus compromisos.

Isabel G. Couso - 13:30 25/02/2009

Unha nova concentración perante a factoría de Navantia en Ferrol pon de manifesto as exixencias reiteradas dos traballadores do naval público: unha vez máis piden garantías para unha maior carga de traballo; que a compañía cumpra os compromisos adquiridos na última reconversión, fundamentalmente a elaboración dun plan industrial; a regulación da industria auxiliar; e a incorporación de mozos.

Deixan patente, deste xeito, o seu descontento coa dirección, da que critican a súa mala xestión, lamentando que, se ben a carga de traballo está garantida de momento, de seguir na mesma liña, a compañía dará perdas nos vindeiros exercicios e mesmo falan de creba técnica nun prazo de dous ou tres anos. Actualmente, hai pedidos que aseguran o traballo até 2014, data na que conclúe o contrato con Australia, coa construción da sexta fragata para a Armada daquel país.

O grupo público volveu aos números vermellos neste exercicio, logo dun ano que resultou histórico, xa que en 2007 as ganancias netas ascenderon a 159 mil euros (1,6 millóns brutos). Ademais, durante o 2008, a empresa non pechou ningún contrato de construción, o que supuxo un exercicio infrutuoso neste eido.

PSdeG: apoiar ao sector
A campaña electoral non é allea a estes problemas. O último en manter unha xuntanza cos traballadores foi o líder dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, quen se comprometeu cos representantes sindicais a apostar polo naval e a mediar ante a SEPI para defender os intereses dos traballadores do estaleiro ferrolán. O candidato á reelección escoitou as demandas e asegurou que a súa será unha aposta clara polo sector ao tempo que lembrou que foi o goberno que preside o que puxo en marcha o Plan Ferrol, para impulsar a comarca de Ferrolterra, no marco do que se concederon case 200 millóns de euros en subvencións a diferentes empresas.

Na mesma liña se ten manifestado o actual conselleiro de Economía, o socialista Xosé Ramón Fernández Antonio, quen sostivo recentemente logo dunha xuntanza co clúster do naval que a situación das estaleiros é "positiva" e asegurou que "ningún proxecto viábel quedará sen financiamento". Máis alá de calquera concreción, no seu programa electoral, o PSdeG menciona o naval entre "os sectores estratéxicos para a nosa economía" e fala de apoialo para que "o seu crecemento sexa sostido e competitivo".

BNG: construción civil
Dende o BNG, o seu candidato, Anxo Quintana, repite alá onde vai que o naval é un sector con moitas potencialidades aínda sen desenvolver e que se converterá nunha prioridade para un hipotético goberno nacionalista. En diferentes mitins censurou que no estaleiro de Fene non se poidan fabricar buques que non sexan militares e defendeu a volta á construción naval civil de Navantia, traballo no que se centrará a partir do 2 de marzo de obter uns resultados positivos nas eleccións.

Neste mesmo sentido se define o programa nacionalista, onde as referencias son claras: así, fala das nefastas consecuencias de aplicar políticas neoliberais como a reconversión e o sometemento dos nosos sectores produtivos, entre os que menciona a construción naval. Define como obxectivo a consolidación deste campo "recuperando o estaleiro de Fene para a construción naval civil" e anuncia medidas para exixir a colaboración do Estado incrementando o "ritmo de investimento" para saldar unha débeda histórica co sector. Do mesmo xeito, menciona como propósito "conseguir e apoiar o aumento de infraestruturas para o naval e seguir impulsando plans de formación" e anuncia que reclamará "a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia".

PP: orientalo cara o mercado global
Dende o Partido Popular, o encargado de trasladar os seus compromisos aos traballadores de Navantia foi o presidente da organización, Mariano Rajoy. Así, comprometeuse a estudar as súas demandas e a "impulsar as accións políticas necesarias para que se cumpran os compromisos adquiridos pola compañía naval na última reconversión do ano 2004". Do mesmo xeito, recordou que o PP xa impulsou nos últimos anos iniciativas parlamentarias que recollían os enquéritos formulados polo Comité de Empresa.

Se nos centramos no seu programa, o PP recolle explicitamente o compromiso de "reforzar e orientar a construción naval galega cara ao mercado global e centrarse nos proxectos de alto valor engadido". Do mesmo xeito, considera "unha prioridade" para impulsar o sector "a recuperación dos activos ociosos de Navantia Fene (en referencia á antiga Astano) co fin de que poida volver á construción naval civil a esas bancadas, actualmente sen uso algún, a través dos proxectos promovidos pola iniciativa privada". Doutra banda, asegura que o actual clúster do naval "pode tirar máis proveito das potencialidades da integración nel das institucións públicas e privadas que asocian ao capital humano e coa posta en marcha do proxectado Centro de innovación Tecnolóxica para as Industrias Marítimas".


Ligazóns

4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: