Queren o apoio de todos os revolucionarios con raíces galegas espallados polo mundo, protestando así contra a situación do voto emigrante.
A FPG pide, entre outros, o voto de Fidel e Raúl
A Frente Popular Galega publicou na súa páxina web un comunicado no que pide o voto de Fidel e Raúl Castro, entre outros coñecidos revolucionarios de segunda, terceira ou cuarta xeración espallados polo mundo adiante.
Neste comunicado explican que esta medida é un modo de protesta contra a realidade do voto emigrante, criticando con dureza aos tres partidos que ocupan actualmente o parlamento galego ao afirmar que non están polo labor de abordar a cuestión do voto emigrante "con toda a forza e as súas consecuencias".
Por iso, a FPG pide o voto para Fidel e Raúl Castro, así como para o resto de galegos emigrados que "loitaron e loitan polo socialismo". Tamén piden o voto do ministro de Vivenda de Venezuela, Farruco Sesto Novás e o de María Cristina Iglesias, ex ministra de Industrias Pesadas e Comercio do mesmo país. A organización que presenta a Méndez Ferrín estende a súa petición a outros colectivos como a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires ou o Padroado de Montevideo.