Xosé Blanco non se pronuncia sobre a repetición do pacto co BNG e afirma que os socialistas se presentan "con vocación de maioría" para "gobernar en solitario".
A medida que nos achegamos ao 1 de marzo o PSdeG-PSOE fai maiores esforzos por marcar distancias co BNG. Mantén a estratexia de 'non agresión' ao seu socio de goberno, como tamén fai o partido de Quintana, pero nos últimos días comeza a insinuar que podería gobernar en solitario, ou que en calquera caso decidiría en solitario en cuestións como a lingua. Touriño busca os votos daqueles indecisos que dubidan entre apoiar a PSOE e ao PP e que segundo a enquisa do CIS publicada ao comezo da campaña constitúen o grupo máis numeroso de persoas que aínda non decidiron o seu voto. Aquela sondaxe inidicaba que catro de cada dez galegos estaban indecisos (uns 800 mil votantes), e entre eles unha cuarta parte dubidaba entre Touriño e Feijoo, é dicir, ao redor de 200 mil. Outras enquisas indicaban que moitos destes indecisos e mesmo unha parte significativa dos votantes socialistas rexeitaban un pacto de goberno PSOE-BNG.
Este martes de Entroido Xosé Blanco visitou Lugo e entrou pisando forte, como se nesta derradeira semana de campaña o secretario de organización do PSOE decidise tomar o timón da estratexia socialista. Evitou pronunciarse sobre a reedición do pacto bipartito e afirmou que o PSdeG-PSOE se presenta con "vocación de maioría" para gobernar en "solitario". A mensaxe que xa se intuía nos carteis electorais de Touriño: 'Dálle máis forza' faise explícita agora como unha petición do voto para que o PSdeG-PSOE goberne con máis autonomía e menos ataduras do BNG.
Blanco concluíu que "se votan todos os que nos votaron hai catro anos ou os que votaron a Zapatero e tamén os desencantados co PP, teremos esa ampla maioría para ter un presidente con máis fortaleza e poder gobernar sen ningún tipo de ataduras máis aló do compromiso con Galicia". De igual xeito o luns, nun mitin en Noia, Touriño pedía o voto "dunha ampla maioría" para "gobernar sen ataduras". De novo o lema electoral do BNG ('sen ataduras') na boca dos dirixentes socialistas. E tamén incidiron neste discurso Pachi Vázquez: "O PSOE pode gobernar en solitario, porque da indecisión vai a saír un voto masivo aos socialistas" ou Alfonso Guerra, que advertiu en Arteixo que o nacionalismo é ""un movemento conservador e con tintes reaccionarios".
Touriño ofrece pactos nacionais sobre a crise económica, a lingua e o novo Estatuto
Este martes o candidato do PSdeG-PSOE estivo en Ames. Alí non fixo referencia ao BNG, pero si a dous dos asuntos nos que os socialistas parecen querer marcar distancias cos seus socios, ou cando menos nos que se queren presentar como garantes do consenso: lingua e autogoberno. Touriño propúxolles a populares e nacionalistas chegar a tres grandes pactos nacionais nestes dous temas, así como na loita contra o desemprego e a crise económica.