Van Walsum recomendoulle á Fronte Polisario que renunciase á secesión da ex colonia española. A valoración contradí o último informe de Ban Ki-Moon.
A valoración de van Walsum contradí o último informe de Ban Ki-Moon
O enviado especial da ONU para o Sahara Occidental, Peter Van Walsum, recomendou este luns nunha comparecencia ante o Consello de Seguridade que a Fronte Polisario adopte unha postura "realista" e renuncie a unha posíbel independencia da ex colonia española anexionada por Marrocos.
O presidente de quenda e embaixador de Suráfrica, Dumisani Kumalo, afirmou á saída da xuntanza que Van Walsum falou "a título persoal", e que a súa valoración é "contraditoria" co último informe do secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, que recomendou a intensificación das negociacións e que non toma parte.
"Van Walsum dixo na súa recomendación que a opción realista é que a independencia pode non ser posíbel e que a Fronte Polisario podería non alcanzar ese obxectivo", afirmou Kumalo, que engadiu que "de ser así, terémoslles que dicir tamén aos palestinos que sexan realistas e que esquezan o seu Estado".
O Consello de Seguridade, dividido
O Consello de Seguridade está dividido. Suráfrica e outros membros non aliñados coidan que o Sáhara Occidental debería ter unha oportunidade para a independencia. Porén, Estados Unidos e Francia apoian o plan de autonomía de Marrocos.
A finais de abril o Consello debe renovar a forza de paz no Sáhara. O interese reside agora, tal e como apuntan os países non aliñados, en ver como poden afectar os comentarios de Van Walsum na elaboración do mandato para esta nova misión.