Ibarretxe busca o voto abertzale e acusou ao goberno español de facer "ilegalizacións á carta" para que Patxi López sexa Lehendakari.
As enquisas publicadas ao longo da campaña en Euskadi, que manteñen ao PNV como forza máis votada pero apuntan unha maioría absoluta de PSE e PP, están xerando preocupación no partido nacionalista. Poñendo a venda antes da ferida, algúns dirixentes peneuvistas comezaron a barallar en público a posibilidade de que Patxi López forme goberno, e advertiron aos socialistas de que se iso sucedese, Zapatero podería perder un aliado en Madrid.
Andoni Ortuzar, número dous por Biscaia e man dereita do presidente do partido, Iñigo Urkullu, afirmou que se despois das eleccións o PSE actúa de calquera xeito que o PNV poida interpretar como "unha agresión política en Euskadi" ao seu grupo no Congreso resultaríalle "moi difícil seguir colaborando con Zapatero". Refírese Ortuzar, ao falr de 'agresión' á posibilidade de que Patxi López fose elixido Lehendakari cos votos do PP sen ser o partído máis votado, como prevén as sondaxes.
Esas mesmas enquisas refliten que os votos abertzales que proporcionaron nove escanos a EHAK en 2005 non irían para Ibarretxe nin para os seus socios, senón que se convertirían en votos nulos, como solicitou D3M. Iso, unido ao forte ascenso dos socialistas, podería apartar ao PNV do goberno por primeira vez dende 1979. É por iso que nesta derradeira semana de campaña Ibarretxe está intentando arrincar unha parte deses votos aberzales, advertindo dos 'perigos' dun goberno no que estivese presente o PP e centrando o seu discurso nas ilegalizacións de D3M e Askatasuna.
Por exemplo, en referencia ao atentado de contra a casa do pobo do PSE en Lazkao, o candidato nacionalista suxeriu que o ataque estaba relacionado coa ilegalización das listas abertzales: "Unha cousa é que esteamos contra a violencia e outra que a ilegalización poida darlles a maioría aos socialistas e ao PP; non se poden facer ilegalizacións á carta", dixo, nunhas declaracións que xeraron críticas en medios políticos e xornalísticos.