Dunha "esperanza real" máis próxima a cada día que se acercan as urnas, falou Alberto Núñez Feijoo sobre a tendencia no apoio maioritario ao seu partido.
"Perderon a súa oportunidade", advertiulles a PSOE e BNG o candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacando o papel do PP na oposición. "Estivemos calados", asegurou, preguntándose, diante das risas do auditorio, que pasaría se PSOE e BNG conseguisen 37 deputados "e non puidesen gobernar".
"Eu prefiro gañar e estar na oposición que perder e gobernar", apuntou, aínda que, á marxe do resultado obtido en 2005, resaltou as posibilidades do PP para volver á Xunta. "Parecía que nos borraran do mapa", dixo respecto aos populares, para destacar a continuación que o seu partido "crece en expectativa de voto cada día que pasa", algo que atribuíu ao contacto diario coa sociedade.
"Se nos falta un voto para a maioría absoluta estaremos na oposición", advertiu durante un mitin en Vilagarcía de Arousa ante unhas 600 persoas, que o deron por gañador e o recibiron de pé e a berros de "presidente, presidente". Durante a súa internvención, avisou de que "ninguén regala nada" e chamou á mobilización para que ao resultado das urnas "non lle falta nin lle sobre sal". Un prato que lle "guste a todos" definiu Feijoo como a receita que na súa opinión levará o PP á Xunta.
"Os galegos xa saben que os caciques de verdade son os que din unha cousa e fan a contraria", comentou, reprochándolles a socialistas e nacionalistas que utilizasen para o PP un cualificativo, o de "caciques", que el lles apón a PSOe e BNG. Ao respecto puxo os casos de "dilapidación" do bipartito e rexeitou que Galiza "saia nos xornais e nos faladoiros" por comprar "estantes de 200 mil euros ou coches fantásticos". Tamén se referiu aos "secuestros" de maiores, en referencia ao acontecido nun mitin do líder nacionalista, Anxo Quintana.
Nesa liña, insistiulles a militancia e simpatizantes e acelerar o traballo en campaña electoral, asegurándolles que a maioría absoluta está a cada paso máis próxima para o PP. "Non vos conformedes nin pensedes que está feito case todo", expuxo, instándolles a "visitar cada casa" para pedir o voto ao PP.