Analizamos cos responsábeis de PPdeG, PSdeG e BNG as propostas programáticas de cadansúa formación.
Touriño e Lula da Silva, en 2007
Polo PPdeG participou Daniel Varela, eurodeputado e número 7 por Lugo. Polo PSdeG, Beatriz Sestayo, deputada na última lexislatura e número 3 pola Coruña. O BNG preferiu contestar as preguntas de Vieiros a través dun cuestionario, debido a problemas persoais da responsábel nacionalista neste eido, Rosana López, secretaria de Relacións Exteriores da Executiva Nacional.
Obxectivo principal para a lexislatura vindeira
PPdeG: "Os populares propoñemos unidade de acción, de entendemento coa capital do Estado para traballar cunha voz única, e non con dous programas como o bipartito. O marco é a UE e América"
PSdeG: "Potenciar a imaxe de Galiza no exterior, moderna, potente, referente tanto nas relacións internacionais con Europa, especialmente con Portugal, como con Sudamérica. Principalmente, o Partido Socialista centrarase nas políticas sociais e sanitarias dos galegos no exterior".
BNG: "A política de acción exterior será unha prioridade para o goberno do BNG, en tanto que ámbito de expresión e defensa do nivel de autogoberno dispoñíbel, das competencias exercidas nos marcos institucionais europeo e estatal, mais tamén como manifestación da vontade política de actuación con personalidade propia no concerto internacional, onde a globalización fai precisa a defensa estratéxica das identidades".
Relación con Portugal e cos países da Lusofonía
PPdeG: "Despois de 15 anos de traballo do PP na Xunta, coa creación da Comunidade de Traballo Galiza Norte de Portugal, do Eixo Atlántico, das infraestruturas, o bipartito permitiu que Badaxoz lle roubase a capitalidade a Galiza. Estremadura, para vergonza dos galegos, gañou peso e nós perdémolo".
PSdeG: "Temos un compromiso claro. Foi con Touriño que por primeira vez na historia producíronse encontros bilaterais de presidente a presidente. A primeira vez que se aposta claramente pola relación con Portugal é neste Goberno. Afondaremos no Plan Estratéxico 2007-2013 e na Agrupación de Cooperación; aproveitaremos esas sinerxias para potenciar infraestruturas comúns na Eurorrexión". "Queremos que a especial conexión cultural e especialmente polo idioma serva para que Galiza sexa ponte con Iberoamérica, e potenciaremos o coñecemento e a protección do galego a través da Xunta e do Instituto Cervantes".
BNG: "Conforme ao principio de subsidiaridade, Galiza poderá asinar convenios ou acordos con outras entidades –estatais ou subestatais– en materias da súa competencia. Nomeadamente, terá a capacidade específica de formalizar acordos transfronteirizos no marco da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. En concreto, no programa do BNG contémplase como prioridade o desenvolvemento dun plan específico de relación con Portugal que responda ao intercambio económico existente, así como á proximidade histórica, cultural e lingüística entre os dous países". "A acción de Goberno do BNG en materia de cooperación exterior terá como espazos de actuación prioritarios, canda a Unión Europea e o Estado español, a Portugal, Brasil e a comunidade de pases de lingua portuguesa".
Galiza con voz propia na UE?
PPdeG: "Hai que lembrar que foi o Partido Popular quen creou a Fundación Galicia-Europa. Debemos estar cunha soa voz, non con dúas políticas diferentes como ocorre con PSOE e Bloque". "Defendemos que o Parlamento galego teña máis protagonismo, con comisións permanentes. Tamén é importante o papel dos concellos, parte interesada das políticas da UE, que deberían ter un foro onde poder participar". "Galiza debe ter voz propia naquelas áreas en que ten competencias. Gustaríame lembrar o acordo de veto do Partido Socialista e a UE á construción naval civil que nós defendiamos como o BNG".
PSdeG:
"Este Goberno propiciou que Galiza tivese voz propia en Europa e que se falase por primeira vez en galego no Parlamento Europeo. Consideramos prioritario a creación dunha delegación da Xunta en Bruxelas, que nos dea presenza institucional. É unha canle importantísima, que contrasta cos 'séculos escuros' do PP neste eido".
BNG: "O goberno do BNG defenderá a presenza directa de Galiza na Unión Europa para que os intereses galegos poidan estar debidamente representados e defendidos institucionalmente, tanto na elaboración das normas como nos procedementos de toma de decisións concretas que poidan afectar ás competencias do noso país, na fase previa e na aplicación. As institucións galegas deben ser as únicas competentes para desenvolver o dereito comunitario e a súa transposición no caso das directivas europeas que afecten a asuntos de competencia exclusiva. O goberno do BNG traballará para que, por medio de reformas do ordenamento español ou a través de modificacións no dereito europeo, os poderes públicos galegos estean lexitimados perante o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, e para reformar a lei electoral que permita que Galiza sexa circunscrición electoral única nas eleccións para o Parlamento Europeo".
Cooperación exterior
PPdeG: "Galiza como todos os gobernos debe ter un compromiso para erradicar a fame e a pobreza do mundo. Propoñemos destinar o 0,4% do orzamento a este obxectivo".
PSdeG: "Habemos fomentar o comercio xusto, mediante a sensibilización dos máis pequenos. Puxemos en marcha o primeiro Plan Director por primeira vez, que unha vez rematado imos ir cara a un segundo. Ademais, temos o compromiso de achegarnos ao 0,7% para a axuda ao desenvolvemento".
BNG: "O BNG defende a necesidade dunha política exterior activa de Galiza, fundamentada na igualdade entre os pobos, a resolución pacífica dos conflitos e a defensa da democracia e dos dereitos humanos. O obxectivo dunha nova orde internacional respectuosa con estes principios debe ir parella da necesaria solidariedade, co apoio decidido ás accións de cooperación, ao desenvolvemento nos países inmersos en conflitos permanentes, ou ben países vítimas da indiferenza internacional, malia a súa precaria situación económica e social". "Da man do goberno do BNG, Galiza estará presente eficazmente no mundo como Nación solidaria, mediante o exercicio dunha cooperación e colaboración plena cos máis desfavorecidos, o que constitúe para nós un compromiso ético-político ineludíbel".
Principal logro e maior fracaso do Goberno bipartito
PPdeG: "Non houbo logro ningún. A política exterior da Xunta foi nefasta. Estivemos completamente ausentes en Europa. Sen dúbida o máis vergoñento é perder peso na relación con Portugal en detrimento de Badaxoz".
PSdeG: "Houbo unha carencia que é o lastre da imaxe deixada polos sucesivos gobernos do PP: subsidiaria e caciquil. Unha imaxe agora totalmente superada. Galiza vese como unha rexión moderna na que incluso deposita a súa confianza o Banco Europeo de Investimento. Con este Goberno potenciáronse as relacións exteriores, con voz propia, con Brasil, Arxentina, Uruguai ... Destacaría tamén o Plan Director de Cooperación Galega".
BNG: "Como principal acerto salientamos a aprobación do primeiro Plano Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009. Tamén consideramos un acerto que se priorizaran as políticas de comercio xusto e consumo responsábel. Por último, salientamos o incremento nun 40% das políticas destinadas á cooperación exterior nos orzamentos de 2009". "Como principais erros sinalamos a lentitude para poder chegar ao obxectivo do 0,7% do PIB. Tamén botamos en falta unha auténtica política exterior da Xunta de Galiza. Nas relacións coa UE non se creou a Delegación da Xunta en Bruxelas, que constituiría unha auténtica embaixada galega na capital da UE. Pola contra, séguese a manter unha Fundación Galiza-Europa á que, como mínimo, habería que someter a unha refundación".